A Xunta incrementará o apoio ás asociacións de veciños cun orzamento de 3M€ na orde de axudas de 2022 para mellorar a calidade de vida local
O Goberno galego aumentará nun 20% o investimento das axudas dirixidas a melloras dos locais sociais e na dotación de equipamentos nas asociacións de veciños e comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais, ás que este ano destinou 2,5M€
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, participou hoxe na VIII edición dos premios “Crer no movemento veciñal” da Confederación Galega de Asociacións Veciñais “Rosalía de Castro” (Cogave)
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, anunciou hoxe que a Xunta incrementará o próximo ano o orzamento de subvencións do Plan específico de acción comunitaria para asociacións veciñais, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia, que o Goberno galego publica cada ano para fomentar o asociacionismo veciñal e contribuír a mellorar a calidade de vida local.
O Goberno galego, tendo en conta o elevado número de solicitudes que se presentan cada exercicio, reservará 3 millóns de euros para estas axudas na convocatoria de 2022, o que supón un 20% máis que os 2,5 millóns da orde deste ano, da que se beneficiaron 173 entidades. Ademais, nos últimos anos a Xunta leva investido preto de 13 millóns de euros para financiar un total de 1.121 proxectos destas organizacións cos que garantir o seu funcionamento e o mantemento da súa actividade.
Así o destacou hoxe a directora xeral de Administración local na súa intervención durante a VIII edición dos premios Crer no movemento veciñal, organizada pola Confederación Galega de Asociacións Veciñais “Rosalía de Castro” (Cogave), onde incidiu ademais na aposta da Xunta por colaborar con estas asociacións co obxectivo de contribuír á dinamización do asociacionismo veciñal.
Estas axudas anuais contribúen a mellorar a calidade de vida dos cidadáns, mediante investimentos tanto de obras nos locais sociais como na dotación do equipamento necesario para levar a cabo as súas actividades, así como en actuacións nas traídas de auga veciñais.
Natalia Prieto destacou o importante papel que desempeñan as asociacións veciñais na dinamización da vida local, así como para recoller e atender as demandas dos cidadáns ao constituír o ámbito máis próximo á veciñanza.
A Confederación Galega de Asociacións Veciñais “Rosalía de Castro” (Cogave), que hoxe entregou os seus premios, foi asumida nestes dous anos pola Federación de Asociacións de Veciños Lucus Augusti da provincia de Lugo. A organización ten como obxectivo prioritario dinamizar o movemento veciñal de Galicia, dando os servizos que as federacións de veciños demandan para garantir o funcionamento asociativo e as melloras necesarias para o seu desenvolvemento.