Feijóo destaca o modelo de Galicia como a proba da capacidade da estabilidade, a centralidade e a política útil para acadar prosperidade

Apela á política que bebe de principios pero non de dogmas, que non minusvalora a intelixencia do cidadáns corrente ofrecéndolle milagres imposibles e que recorre ás traxectorias e os coñecementos acreditados

Anima á lectura desta nova obra do ex presidente Rajoy porque nela, di, atópase unha guía para seguir legando aos galegos e aos españois de mañá unha democracia madura e solvente
 

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2021.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o modelo de Galicia como a proba da capacidade da estabilidade, a centralidade e a política útil para acadar prosperidade.

Durante a presentación do libro de Mariano Rajoy, Política para adultos, Feijóo apelou deste xeito á política que bebe de principios pero non de dogmas, que non minusvalora a intelixencia do cidadán corrente ofrecéndolle milagres imposibles e que recorre ás traxectorias e os coñecementos acreditados. “Unha política, en fin, para adultos”, aseverou, destacando que o nocivo é a substitución da política adulta por outra que manifesta medo a gobernar as cousas importantes, e unha especial predilección por remover consensos básicos e abrir feridas xa pechadas.

Nesta liña, incidiu en que a política para adultos non é algo anacrónico, pasado de moda ou propio doutras épocas. “É unha necesidade”, asegurou, subliñando que resulta anómalo que a responsabilidade que se exerce todos os días nos traballos, na vida privada, “na xestión cotiá dos nosos intereses”, non se traslade á vida pública e estea ausente dos asuntos de goberno.

Ao longo da súa intervención, o titular do Goberno galego animou á lectura desta nova obra porque nela, dixo, atópase unha guía para seguir legando aos galegos e aos españois de mañá unha democracia madura e solvente.

“A política para adultos nunca se pon por riba do principio da realidade”, afirmou, facendo fincapé en que este libro xustifica a súa vixencia porque na actualidade “sobran discursos que antepoñen a doutrina ao feito”.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: A Presidencia da Xunta