A Xunta adxudica por 213.000 euros as obras de humanización de dúas rúas no Concello da Estrada

Os traballos, cun prazo de execución de tres meses, teñen como obxectivo acometer unha mellora integral das vías Calvo Sotelo e Justo Martínez, localizadas no núcleo urbano

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de adxudicar o contrato para mellorar o estado actual de dúas rúas do concello da Estrada, en Pontevedra, por un importe de 212.969,75 euros.

Cun prazo de execución de tres meses, os traballos previstos consistirán na mellora integral e na humanización das rúas Calvo Sotelo e Justo Martínez, dúas vías localizadas no núcleo urbano e que malia contar cuns servizos urbanísticos en bo estado, necesitan reforzar ou modificar parte das súas infraestruturas nalgúns puntos, ademais de instalar a sinalización correspondente.

En concreto, na rúa Calvo Sotelo levarase a cabo a súa peonalización, coa retirada de pivotes, a demolición do pavimento asfáltico, a instalación dun bordo perimétrico de granito e a pavimentación co mesmo material.

Do mesmo xeito, para mellorar o espazo destinado aos peóns no caso de Justo Martínez, procederase á ampliación dunha das beirarrúas nun ancho de 1,5 metros ao tempo que se elevará o pavimento asfáltico á mesma cota que as beirarrúas co obxecto de conseguir unha plataforma única, mellorando así a accesibilidade.

Cómpre lembrar que esta actuación se enmarca nos obxectivos do chamado plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta hai máis dunha década para axudar ás entidades locais a executar proxectos urbanísticos destinados á creación, mellora e humanización de infraestruturas de uso público e colectivo que contribúan a mellorar a calidade de vida dos seus veciños.

A Consellería manterá esta liña de cooperación cos concellos tamén en 2022, reservando nos seus orzamentos 7 millóns de euros para actuacións dirixidas a habilitar ou recuperar equipamentos municipais e poñer en valor as contornas urbanas.

Imaxes relacionadas