O Parlamento Galego aproba a Lei do Plan galego de estatística 2022-2026

O novo Plan concíbese como un instrumento de ordenación e planificación da función estatística

O Plan para o quinquenio 2022-2026 estrutúrase en torno a catro liñas de actuación relacionadas co territorio e o medio ambiente, a sociedade, a estrutura produtiva e as tecnoloxías

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O Parlamento galego aprobou hoxe a Lei do Plan Galego de Estatística 2022-2026, que se iniciará con 148 estatísticas propias que ampliarán a oferta informativa de Galicia e afondarán na transparencia, na calidade e na accesibilidade da información.

A tramitación no Parlamento permite incorporar novos obxectivos de información sobre usos da auga, equipamentos deportivos, parque de vivendas, producións gandeiras, prezos e acuicultura. Estas achegas permitiron que a Lei se aprobara sen votos en contra.

O futuro Plan, que se concibe como un instrumento de ordenación e planificación da función estatística, desenvolverá e consolidará o sistema estatístico galego para acadar un conxunto coherente, rigoroso e actualizado dos datos.

Trátase de crear, organizar e difundir o coñecemento estatístico para responder ás demandas de información dos cidadáns, das institucións públicas e dos axentes económicos e sociais.

Liñas de actuación do Plan 2022-2026

O Plan Galego de Estatística 2022-2026 iniciarase con 148 estatísticas propias que se completarán con outras actuacións de difusión e análise co fin de incrementar o valor da información estatística dispoñible sobre Galicia. Todas estas operacións estruturaranse en torno a catro liñas de actuación: territorio, recursos naturais e medio ambiente; sociedade; estrutura produtiva; e coñecemento e tecnoloxía.

Na primeira área recollerá estatísticas e actividades relacionadas co territorio, os recursos naturais e o medio ambiente; mentres que na área de sociedade incluiranse aquelas relacionadas coa poboación e os fogares, a sanidade, a educación e o capital humano, o traballo, as condicións sociais, a cultura, o deporte e o lecer, e a vivenda.

Pola súa banda, no ámbito da estrutura produtiva recolleranse actuacións vencelladas ao sector agrario, a pesca e acuicultura, enerxía e industria, construción, os servizos de mercado, a Administración Pública, mercados e prezos, actividade empresarial ou ao sistema de contas. Finalmente en coñecemento e tecnoloxía incluiranse estatísticas e actividades relacionadas coa sociedade da información e a ciencia e tecnoloxía.