A Xunta resalta o labor dos comerciantes do Morrazo e da Mariña nos Premios Nacionais de Comercio Interior

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, asistiu hoxe en Madrid á entrega destes galardóns, nos que a Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (Fecimo) recibiu o Premio a Centros Comerciais Abertos

Acisa Ribadeo obtivo un áccesit na mesma categoría, mentres que Albo Zapaterías, de Viveiro, recibiu unha mención honorífica dentro do apartado de pequeno comercio

O respaldo ao asociacionismo comercial é un dos eixos da estratexia específica de apoio ao sector que desenvolve a Administración autonómica

Madrid, 9 de decembro de 2021

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, asistiu hoxe en Madrid á entrega dos Premios Nacionais de Comercio Interior 2021, outorgados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, destacando o labor das asociacións de comerciantes e o establecemento galego cuxo labor foi recoñecido no acto.

Na cerimonia recibiu o Premio a Centros Comerciais Abertos, que galardona o asociacionismo comercial, orientado á promoción de Centros Comerciais Abertos (CCA) e a potenciación e desenvolvemento dos seus órganos xerenciais a Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (FECIMO), da que forman parte os CCAs de Marín, Cangas, Moaña e Bueu. Ademais, a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo (ACISA) recibiu un áccesit dentro da mesma categoría. Por outra parte, dentro do apartado de pequeno comercio recibiu unha mención honorífica o establecemento de Viveiro Albo Zapaterías.

A dinamización dos centros comerciais abertos e asociacións das prazas de abastos para impulsar a revitalización do comercio de proximidade, é un dos eixos da estratexia específica de apoio ao sector que desenvolve a Xunta. Así, este ano elevouse o orzamento da orde de axudas destinadas a CCAs e asociacións de praceiros nun 9%, ata os 2,25 millóns de euros.

Esta medida acompañouse de outras como as axudas para a dixitalización e a modernización dos comercios, con preto de 5 millóns de euros; os Bonos Activa Comercio, que permitiron mobilizar 25 millóns de euros; ou as novas plataformas de venda online de produtos agroalimentarios locais.

Ademais, este apoio específico da Dirección Xeral de Comercio e Consumo súmase ás axudas do Igape e do Inega en ámbitos como o emprendemento, a promoción económica ou a eficiencia enerxética, ademais dos apoios dos tres primeiros plans de rescate da Xunta de Galicia.

Imaxes relacionadas