Sanidade presenta a Guía de práctica clínica sobre Atención Paliativa ao adulto en situación de últimos días
O documento pon a disposición dos profesionais recomendacións para mellorar a calidade da asistencia ao final da vida e favorecer a toma de decisións compartida entre pacientes, familiares e equipos multidisciplinares que participan na súa atención
Foi desenvolvida por un amplo grupo de profesionais do Sergas, coordinados pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS)
A sede da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), acolleu hoxe a presentación da Guía de práctica clínica sobre atención paliativa ao adulto en situación de últimos días, acto que contou coa intervención do xerente de ACIS, Antonio Fernández-Campa. A presentación, realizada en colaboración coa Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, tivo lugar en aberto para todo o Sistema Nacional de Saúde desde a canle de youtube da ACIS.
Esta guía pon a disposición dos profesionais unha serie de recomendacións coa finalidade de mellorar a calidade da asistencia ao final da vida e favorecer a toma de decisións compartida entre os pacientes e os seus familiares e os equipos multidisciplinares que participan na súa atención. Para os familiares e achegados dos pacientes, a guía proporciona materiais informativos específicos con recomendacións para o acompañamento dos seres queridos no final da vida.
A guía é o resultado do traballo dun amplo grupo de profesionais do Servizo Galego de Saúde implicados nos coidados do final da vida, e contou coa participación de familiares e representantes de pacientes. Ademais, tivo a colaboración de expertos do ámbito nacional e internacional, e foi revisada por profesionais e pacientes propostos polas sociedades científicas e asociacións de pacientes relacionadas cos coidados paliativos.
O traballo foi coordinado pola Unidade Avalia-t, da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), e financiado polo Ministerio de Sanidade, a través do plan de traballo da Red Española de Axencias de Evaluación de Tecnoloxías (RedETS), á quen pertence Avalia-t. Sinalar, así mesmo, que o documento forma parte da liña de guías de práctica clínica de GuíaSalud.
Persoal formado e sensible
Os últimos días de vida son un acontecemento complexo e difícil de afrontar tanto para o paciente como para a súa familia. Actualmente, a sociedade demanda que a atención ao final da vida se centre nas necesidades das persoas, que sexa de calidade e que permita unha morte conforme aos valores da persoas. Estas necesidades deben ter resposta, recoñecendo a naturalidade do proceso e atendendo ás dimensións biopsicosociais.
Para os profesionais sanitarios, a toma de decisións sanitarias no contexto de últimos días é complexa e difícil. O persoal debe estar formado e ser sensible e flexible para ser capaz de atender a especial vulnerabilidade dos pacientes nesta situación, cunha sintomatoloxía cambiante e coa aparición frecuente de complicacións que provocan situacións de urxencia, dando resposta ás necesidades específicas do paciente.