A Xunta saca un novo número da Revista Galega da Administración Pública, Regap, centrado na contratación e na normativa autonómica

Esta tarde reuniuse o equipo editorial da Revista Galega de Administración Pública (REGAP) para aprobar os contidos do número 62

A próxima publicación incluirá artigos sobre a pandemia, o feminismo, a contratación e a normativa autonómica, entre outros

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2021

A Xunta saca un novo número da Revista Galega de Administración Pública (Regap), o número 62, que se vai centrar na contratación e na normativa autonómica. Esta tarde reuníronse os membros do equipo editorial da publicación, dirixida por Sonia Rodríguez-Campos, para aprobar os contidos do número de xullo-decembro 2021.
O novo número da revista incluirá os textos “O control escrito e asambleas lexislativas das Comunidades Autónomas. Unha mellora da función parlamentaria?”, do profesor de Ciencia Política da Universidade Complutense de Madrid, Daniel Casal Oubiña, e o estudo “Entidades de certificación, entidades de colaboración e simplificación administrativa en Galicia”, do doutor en Dereito da Universidade da Coruña, Alejandro Ramón Antelo Martínez.
Dedicará tamén parte do seu espazo a temas de actualidade, uns relacionados coa pandemia coma o texto “Fin do estado de alarma de outubro de 2020: o barullo xurídico-administrativo”, presentado polo profesor de Dereito Administrativo da Universidade de Salamanca, Dionisio Fernández de Gatta; outros co feminismo, como o estudo “De qué falamos cando falamos de constitucionalismo feminista”, elaborado polo profesor de Dereito Constitucional da Universidade Complutense de Madrid, Ignacio Álvarez Rodríguez.
Completarán este número os estudos sobre contratación “O periplo accidentado da contratación de emerxencia”, de Carlos Heredero del Campo da Universidade de León, e “Prácticas anticompetitivas e contratación pública: unha visión da autoridade de competencia”, do doutor en Dereito da Comisión Galega da Competencia, José Antonio Rodríguez Míguez.

A revista estará dispoñible nas próximas semanas na páxina web da Escola (https://egap.xunta.gal/revistas/REGAP) en versión electrónica e o seu acceso e descarga será libre.

Revista Galega de Administración Pública

A REGAP, que iniciou a súa andaina en 1992, é unha revista científica enfocada en temas de actualidade que analiza, coa contribución de destacados especialistas nos seus eidos, temas como o dereito autonómico, as novas tecnoloxías, os retos da Administración no século XXI, o estatuto dos empregados públicos ou a ordenación do territorio e o medio.

Imaxes relacionadas