Os directores xerais de Defensa do Monte e de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias participaron na Comisión 7ª

A Xunta destaca que a Lei de loita integral contra os incendios forestais fomentará as paisaxes mosaico con vocación produtiva como mecanismo preventivo

O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, explicou no Parlamento que esta futura norma combinará esa orientación coas ferramentas da Lei de recuperación da terra agraria

Neste contexto, Rodríguez salientou tamén que o convenio de protección das aldeas fixo posible xa a revisión de 685.000 parcelas que suman preto de 44.000 hectáreas e nelas a porcentaxe de superficie xestionada polos seus propietarios é dun 65%

Pola súa banda, o titular de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, puxo en valor o feito de que nas últimas tres campañas Galicia situouse entre as primeiras autonomías que pagou anticipos das axudas da PAC

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2021

A futura Lei de loita integral contra os incendios forestais fomentará as paisaxes mosaico, buscando a xeración de descontinuidades na biomasa como mecanismos de prevención que deben ter vocación produtiva para que sexan sustentables no tempo. Ademais, combinará de forma paralela esta orientación coas ferramentas da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Así o destacou o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, en resposta a unha pregunta sobre esta cuestión na Comisión 7ª do Parlamento.

Nesta mesma liña, o director xeral lembrou que no curto prazo e con carácter anual a Xunta recolle dentro do Plan de prevención e defensa contra incendios forestais (Pladiga) o Plan preventivo, que neste ano -explicou- conta cun investimento de 30 millóns de euros. Sinalou que esta planificación establece accións prioritarias para o mantemento da rede de infraestruturas preventivas, tales como devasas ou áreas cortalumes. Tamén contempla a creación e mantemento de puntos de auga e a execución do programa de queimas prescritas, é dicir, actuacións a realizar durante todo o ano, puntualizou.

Dentro deste Plan preventivo, Manuel Rodríguez salientou o convenio de protección das aldeas asinado entre a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e Seaga para o establecemento dun sistema público de xestión de biomasa nas franxas situadas arredor dos núcleos rurais. Un convenio que -dixo o director xeral- ofrece xa unha serie de resultados, como son a revisión de 685.000 parcelas que suman preto de 44.000 hectáreas e nelas a porcentaxe de superficie xestionada polos seus propietarios é dun 65%. Polo tanto, son case 29.000 hectáreas repartidas en 432.000 parcelas. Ademais, no marco deste acordo, a Xunta entregou aos concellos galegos 242 plans municipais de prevención, dos que 158 xa están aprobados.

O director xeral referiuse tamén ás actuacións complementarias desta planificación preventiva. Entre elas puxo en valor as iniciativas de mobilización de terras, caso das aldeas modelo ou os polígonos agroforestais, así como a posta en marcha do Centro Integral para a loita contra o lume en Toén (Ourense), no que se está a traballar.

A maiores, mencionou a futura base aérea transfronteiriza con Portugal para a prevención de incendios, a colaboración coa Deputación de Ourense nesta mesma materia preventiva, as axudas para accións silvícolas de prevención e para o incremento do valor ecolóxico dos montes galegos ou o plan de pastos. Do mesmo xeito, valorou a posta en marcha da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO), formada por 15 membros e centrada especificamente na investigación e na colaboración e coordinación cos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado.

Todo este esforzo da Xunta, concluíu Rodríguez, plásmase tamén na distribución dos orzamentos da Consellería do Medio Rural. Así, das contas deste departamento para 2022, que ascenden a 630 millóns de euros, más de 207 millóns corresponden a prevención, fronte aos preto de 91 millóns máis destinados á extinción, remarcou.

Pagamentos da PAC

Por outra banda, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, destacou, en resposta a outra pregunta, que nas últimas tres campañas Galicia situouse entre as primeiras comunidades autónomas que pagou anticipos das axudas da Política Agraria Común (PAC). Todo isto, tras a realización das comprobacións administrativas e dos controis obrigatorios sobre o terreo. Así mesmo, trasladou que a Xunta -a través do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga)- xa efectúa o pago do 70% da axuda adiantada, o máximo establecido pola Comisión Europea.

Na mesma liña, Balseiros lembrou que o Fogga -adscrito á Consellería do Medio Rural- xestiona pagos da PAC aos agricultores e gandeiros galegos por un importe que acada de media os 200 millóns de euros anuais, unha cifra que se mantén practicamente invariable dende a campaña de 2015, remarcou. En parecidos termos, incidiu tamén no feito de que, nas últimas tres campañas, os adiantos da PAC fixéronse xa no mes de outubro de cada ano.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural