O conselleiro do Medio Rural, acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, presidiu a clausura da primeira edición deste evento no Pazo de Quián

A Xunta celebrará en setembro de 2022 a II mostra de calidade alimentaria

José González sinalou ademais que esta mostra será un precedente de moitas máis actuacións que acollerá o devandito complexo de Quián, coñecido como o Espello do rural de Galicia

Destacou a diversidade de producións alimentarias con que conta a nosa comunidade, todas elas, ademais, cun factor en común importantísimo, como é a calidade, unha aposta estratéxica para a Xunta
 

Boqueixón (A Coruña), 17 de decembro de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, anunciou esta tarde que a II Mostra de Calidade Alimentaria terá lugar en setembro de 2022. O titular de Medio Rural, acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, presidiu a clausura da primeira edición deste evento, organizado pola Xunta no Pazo de Quián, en Sergude (Boqueixón).

Neste contexto, José González sinalou ademais que esta mostra será un precedente de moitas máis actuacións que terán lugar no devandito complexo, coñecido como o Espello do rural de Galicia. Entre elas, salientou algunhas das que se presentaron na primeira xornada deste foro, como son Saúde Rural, que ten por obxectivo fomentar o deporte e a nutrición no rural galego, ou o torneo internacional de oratoria e debate. Así mesmo, cómpre lembrar que este Pazo de Quián será a nova sede da asociación dos grupos de desenvolvemento rural (GDR’s) de Galicia.

Na súa intervención, o conselleiro destacou a diversidade de producións alimentarias con que conta Galicia, todas elas, ademais, cun factor en común importantísimo, como é a calidade e indicou que esta mostra é outra materialización máis do peso que posúe e da importancia que se lle confire a esta liña estratéxica por parte da Xunta.

Neste mesmo sentido, hai que recordar que no marco desta I Mostra presentouse a nova campaña institucional da Xunta Galicia Etiqueta Calidade, dotada cun orzamento de 700.000 euros para divulgar a riqueza da despensa galega. Ademais, tamén se avanzou que o selo Galicia Calidade terá unha sección específica sobre alimentación que se denominará Galicia Calidade Alimentaria e que englobará produtos con excelencia recoñecida, afondando tamén na súa promoción.

Lei de calidade alimentaria

Nesa liña, González enmarcou iniciativas como a nova Lei de calidade alimentaria, que rexerá esta característica tan distintiva dos produtos alimentarios para manter o elevado estándar de calidade na produción alimentaria galega. Tamén se referiu ao mercado dixital dos produtos galegos de calidade, un portal no que estes se poderán vender e mercar, sempre baixo selos de protección e garantindo as mellores prácticas, promocionando un consumo de proximidade, saudable e de calidade.

Neste marco, o conselleiro incidiu tamén na potencialidade que posúe a Dieta Atlántica e animou a facer un traballo conxunto para implicar neste binomio a importancia dun consumo san e saudable. Do mesmo xeito, animou ao consumo de produtos do mar, peixes, mariscos e algas, que -salientou- son parte fundamental dunha dieta sa e equilibrada. Destacou, neste sentido, o traballo conxunto entre a Consellería do Medio Rural e a Consellería do Mar para promover, impulsar e posicionar a Dieta Atlántica no consumo de alimentos.

En parecidos termos, José González defendeu a etiquetaxe positiva como medio para impulsar a calidade diferenciada, mellorando, integrando e desenvolvendo a normativa ao respecto. Engadiu que favorece, ademais, a súa posta en valor a través das denominacións de orixe, as indicacións xeográficas protexidas e outras figuras de protección, como o selo de artesanía alimentaria. E vinculou todo este esforzo coa idea central -ligada tamén á estratexia xeral da granxa á mesa- de que facer Galicia rural é prioridade, porque facendo Galicia rural facemos Galicia Calidade.
 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural