O presidente da Xunta participou na sesión solemne do 40 aniversario do Parlamento de Galicia

Feijóo refírese ao Parlamento de Galicia como un lugar de encontro que permite avanzar na obriga de escoitar e como un espello no que o pobo galego se recoñece

Destaca que o que hoxe se conmemora é o nacemento dun fogar común no que, todos xuntos, estamos vivindo unha Galicia que outros soamente puideron soñar

Reivindica que a democracia require para o seu fortalecemento valores que son propios da nosa xente: tolerancia, alerxia aos extremismos ou estabilidade

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse este mediodía ao Parlamento de Galicia como unha caixa de resonancia, lugar de encontro ou canle para que as discrepancias discorran dun xeito racional que permite avanzar na obriga de escoitar, pero tamén como ese espello no que o pobo galego se recoñece.

Fíxoo durante a sesión solemne do 40 aniversario do Parlamento autonómico coa que, tal e como destacou, se conmemora “o nacemento dun fogar común no que, todos xuntos, estamos vivindo unha Galicia que outros soamente puideron soñar”. Nese sentido, incidiu en que antes da súa constitución a nosa terra estaba orfa dun órgano coma este no que o galeguismo pasase de ser unha idea lonxana a unha realidade próxima.

Ademais, ao longo da súa intervención, Feijóo puxo de manifesto que esta institución, que chegou da man do Estatuto de Autonomía e é fillo da Constitución española, é consecuencia de procesos democráticos que eluden a confrontación e buscan o consenso. “Diante deste logro singular, reclamarse autonomista é facer xustiza a un proceso exemplar e a unha realidade modélica”, abundou.

A ese respecto, recordou que a democracia require para o seu fortalecemento valores que son propios da nosa xente: tolerancia, alerxia aos extremismos, querenza polos acordos, estabilidade e cambios tranquilos.

Finalmente, e logo de reivindicar que o parlamentarismo está vivo e é dinámico, pero que calquera transformación require tempo, Feijóo convidou a non buscar exemplos fóra que corroboren esa certeza, toda vez que “Galicia é o modelo”.

Imaxes relacionadas

Departamento:
A Presidencia da Xunta