O director xeral de Defensa do Monte clausurou o curso esta tarde na Academia Galega de Seguridade Pública da Estrada

A Xunta finaliza a instrución aos técnicos dos seus centros de coordinación de extinción no marco do Plan de formación do servizo antiincendios galego

A iniciativa, que se desenvolveu entre os meses de novembro e decembro, centrouse no estudo das situacións sinópticas previas ao inicio do incendio, na análise dos parámetros do comportamento do lume e nas estratexias precisas para lograr a súa extinción

Contou coa participación de especialistas técnicos das administracións autonómicas de Galicia, Cataluña, Castela-A Mancha e Andalucía, dos gobernos español e portugués e das universidades de Santiago de Compostela e Vigo

A Estrada (Pontevedra), 20 de decembro de 2021

O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, clausurou esta tarde na Academia Galega de Seguridade Pública da Estrada o curso dirixido aos técnicos dos seus centros de coordinación de extinción para a análise de lumes, que busca mellorar as operacións de extinción na nosa comunidade. Dita acción formativa inclúese no Plan de formación para o Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia 2021-2024.
A formación contou coa participación de especialistas técnicos das administracións autonómicas de Galicia, Cataluña, Castela-A Mancha e Andalucía. Tamén estiveron presentes profesionais dos gobernos de España e de Portugal, así como das Universidades de Santiago de Compostela e de Vigo.
A iniciativa estivo centrada no estudo das situacións sinópticas previas ao inicio dun incendio forestal, na análise dos parámetros do comportamento do lume e nas estratexias e tácticas precisas para acadar o éxito das operacións de extinción con criterios de eficiencia e eficacia. Así, os relatores especialistas abordaron as distintas cuestións técnicas e achegaron diferentes solucións segundo a experiencia do seu propio dispositivo. Nesa liña, o obxectivo da formación foi actualizar e tratar os principais aspectos técnicos teóricos e prácticos das tarefas de análise de incendios forestais.

Plan de formación

Cabe lembrar que a Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Defensa do Monte, ten previsto impartir preto de 230.000 horas lectivas a case 3.000 traballadores no marco do seu Plan de formación para o Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia 2021-2024.
A esta formación que recibiu o dispositivo hai que engadir as iniciativas previstas para a actualización e o adestramento continuo do persoal antiincendios, así como accións dirixidas aos concellos e á poboación do rural co obxectivo global de reforzar a anticipación, a extinción e a investigación dos lumes forestais en todo o territorio galego.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural