A Xunta inviste máis de 2,2 millóns de euros na renovación das lámpadas cirúrxicas dos hospitais galegos

O Executivo galego mellorará a iluminación de 97 bloques cirúrxicos nos 14 hospitais públicos do Servizo Galego de Saúde

Durante o ano 2021, a Xunta adquiriu sete sistemas cirúrxico-robotizados Da Vinci por un importe de 20,5 millóns de euros; e investiu 4’3 millóns de euros na compra de 37 novos equipos radiocirúrxicos

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia inviste un total de 2.288.715 euros para renovar un total de 97 lámpadas cirúrxicas, instaladas no conxunto de hospitais públicos do Servizo Galego de Saúde.
Co obxectivo de garantir unha correcta cobertura sanitaria á poboación galega, o Executivo galego adquire uns equipos de iluminación que substituirán aos agora instalados nos bloques cirúrxicos de hospitais galegos, e que arestora contaban con máis de 15 anos de antigüidade.
Nomeadamente, 15 destas lámpadas destinaranse á área sanitaria de Vigo; 17 aos centros hospitalarios da área de Santiago de Compostela e A Barbanza; 19 á de Coruña e Cee; 26 para a área Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras; 13 para a de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, 5 para a área sanitaria de Ferrol, e 2 para a de Pontevedra e O Salnés.

As novas lámpadas, están baseadas en diodos LED de baixo consumo, posibilitando unha mellor iluminación dos quirófanos e tamén un aproveitamento máis eficiente da enerxía eléctrica. Así, a adquisición deste novo equipamento insírese na estratexia do Servizo Galego de Saúde que ten por obxecto favorecer un uso máis racional da enerxía e contribúir á sustentabilidade do sistema sanitario.

O suministro desta lámpadas é susceptible de financiamento mediante o progama operativo Feder-Galicia como parte da resposta da UE á pandemia de covid-19.

Máis inversións en equipamentos cirúrxicos

Durante o presente ano, a Xunta de Galicia impulsou a adquisición e renovación dos equipamentos cirúrxicos dos hospitais galegos co ánimos de optimizar a calidade asistencial. Así, o pasado mes marzo o Executivo galego aprobou un investimento de máis de 4’3 millóns de euros para adquirir 37 novos equipos radiocirúrxicos.

Destes 37 equipos, tres deles son radiocirúrxicos-vasculares. Destinándose, en exclusiva, aos quirófanos onde se practica este tipo de cirúrxia, ao permitir a realización de técnicas complexas: como a reparación endovascular de vasos arteriais periféricos en membros inferiores, sistema carotídeo e enfermidade dexenerativa da aorta torácica e abdominal.

Os restantes 34 equipos radiocirúrxicos renovan os equipamentos existentes nos bloques cirúrxicos para o seguimento e control en intervencións de cirurxía xeral, ortopedia, traumatoloxía, uroloxía, etc. Estes aparellos dispoñen de tecnoloxía que mellora a calidade da imaxe, e a capacidade de integración da imaxe e das doses impartidas.

Outro fito a destacar dentro do Plan de modernización e renovación do equipamento sanitario no ano 2021, foi a adquisición dos sete sistemas cirúrxicos robotizados Da Vinci, por un importe de 20,5 millóns de euros.

Estes sistemas robótico-cirúrxicos contribúen a mellorar a destreza e a capacidade cirúrxica na cirurxía laparoscópica. Esta maior destreza permite ao cirurxián realizar manipulacións que, sen este sistema, nalgúns casos serían imposibles.

Entre as principais propiedades dos sistemas robóticos están visión en tres dimensións con aumento de tamaño e resolución da imaxe; ou a eliminación do tremor fisiolóxico que permite a utilización de instrumental articulado, máis pequeno e con maior mobilidade, entre outras.

Os beneficios derivados da utilización dos sistemas cirúrxicos robotizados para os pacientes inclúen unha maior seguridade e calidade, diminución da morbimortalidade, menor perda sanguínea, diminución de estancia media no centro hospitalario, incisións máis pequenas, menor dolor postoperatorio, e unha reincorporación máis rápida á vida ordinaria.

Para os profesionais, as vantaxes máis sinalables son a diminución da dificultade cirúrxica, unha maior precisión, a posiblidadade de acceso a zonas complexas, unha excelente visualización e unha maior precisión nos movementos. En canto aos hospitais, as melloras proporcionadas polos sistemas Da Vinci tradúcense na realización dun menor número de transfusións, menor tempo operatorio, menor estancia media dos doentes, e menor número de complicacións intraoperatorias e post operatorias.

Imaxes relacionadas
Sanidade
Departamento: C. de Sanidade