Xunta e Concello de Ourense unen esforzos para impulsar a ampliación do complexo hospitalario ourensán

Asinan un convenio polo que o Concello achegará o 10% do custo das obras que comezarán en 2022

A Xunta proxecta xa a seguinte fase da ampliación, con dous novos edificios de uso ambulatorio e administrativo, que culminará un investimento de 150 millóns de euros
 

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; e o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, asinaron está mañá un convenio de colaboración para levar a cabo ás obras de ampliación do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, que acadarán os 52’8 millón de euros.
A colaboración entre Administracións posibilitará remodelar por completo o actual edificio materno-infantil e construír un novo edificio ao seu carón para, de seguido, unir ambos ata convertelos nun espazo único. Nesta actuación, o Concello de Ourense asumiu o compromiso de achegar un total de 5’2 millón de euros -en dous pagos-, o que representa case o 10% do custo total da obra.
O titular de Sanidade destacou a “implicación, a vontade e a xenerosidade” da corporación ourensá para acadar un acordo que posibilitará que ás obras de ampliación do CHUO comecen en 2022. Así, o Concello achegará das arcas municipais unha cantidade equivalente á que suporían as habituais bonificacións fiscais mediante unha achega directa. Ourense únese así ás cidades que teñen un convenio asinado para colaborar na execución de grandes obras hospitalarias, como xa fixeron Pontevedra e A Coruña, quedando aínda pendentes Santiago de Compostela e Ferrol.
Esta actuación incidirá sobre 33.000 m2, dos que, preto de 14.000 serán de nova construción e 19.000 de reforma. Neste senso, o espazo contará con 280 camas de hospitalización convencional; 58 de hospitalización obstétrica; 38 na área de hospitalización pediátrica; UCI pediátrica e de neonatos; urxencias; consultas e área cirúrxica -tanto de pediatría como de obstetricia-; e áreas de diálise e de diagnóstico por imaxe.
Garcia Comesaña explicou que con esta actuación compleméntase o edificio de hospitalización de 52.000 m2 que se rematou en 2017, tras un investimento de 41 millóns de euros. Ademais, apuntou que a Xunta está arestora a tramitar dúas reformas de xeito paralelo: a obra da UCI -cun investimento de 9 millóns de euros-, e a obra da área de medicina nuclear -cuxo proxecto terá un custo de 1’5millóns euros-.
Nesta liña, o Executivo galego segue a avanzar na implementación do Plan Director do CHUO, agardando poder licitar o vindeiro ano o proxecto de dous novos edificios: un de carácter ambulatorio e outro de carácter administrativo, e cuxa inversión superará os 50 millóns de euros.

Novas infraestruturas sanitarias para Ourense

Tras a sinatura do convenio, o conselleiro de Sanidade e o rexedor ourensá mantiveron unha reunión para abordar a situación doutras infraestruturas sanitarias da cidade.
Neste senso, García Comesaña, informou ao alcalde de Ourense dos avances que se están a producir no novo Centro Integral de Saúde que substituirá ao Nóvoa Santos, e cuxo contrato de elaboración do proxecto arquitectónico xa foi adxudicado. Ademais, tamén abordaron a necesidade, incluída pola Xunta no Plan de Infraestruturas de Primaria, de construír un novo centro de saúde en Mariñamansa, por mor dos problemas de espazo que ten o actual Centro de Saúde da Cuña.

Imaxes relacionadas
Sanidade
Departamento: C. de Sanidade