O presidente da Xunta compareceu ante os medios para valorar a reunión telemática celebrada co presidente do Goberno central e o outros presidentes autonómicos

Feijóo insta a dar unha resposta ponderada e semellante en toda España ante a sexta onda da Covid e pide incrementar a vacinación coa adianto da terceira dose aos tres meses

Adianta que a Xunta apostará por non aplicar “nin restricións de aforos nin prohibicións” nas próximas datas do 24 e 25 de decembro

Aposta por intensificar as probas diagnósticas con test voluntarios en aeroportos e estacións de tren para persoas procedentes doutras autonomías, o regreso dos cribados a poboacións enteiras ou as probas gratuítas para menores de 11 anos nas farmacias
 

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2021

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, instou a dar unha resposta medida, ponderada e semellante en toda España ante a sexta onda da Covid-19 e solicitou incrementar a vacinación co adianto da terceira dose aos tres meses.

Na rolda de prensa posterior á reunión telemática celebrada co presidente do Goberno e outros presidentes autonómicos sobre a pandemia, Feijóo precisou que malia que esta onda non semella ser igual que as anteriores, existen tres condicionantes moi relevantes: a explosividade na velocidade de contaxio pola variante Ómicron, a elevada incidencia –aínda que polo momento cunha presión hospitalaria baixo control— e a inminente celebración das festas do Nadal, o momento de “maior interacción social do ano”, engadiu.

Ante esta perspectiva, o titular do Goberno galego fixo un chamamento a seguir incrementando o ritmo de vacinación para que a maioría da poboación obteña a terceira dose e o proceso avance nos nenos de entre 5 e 11 anos. “É a medida máis eficaz: as vacinas son útiles para salvar vidas, evitar o colapso do sistema sanitario e para reactivar a economía”, subliñou, tal e como evidencia a baixada da incidencia nos grupos de idade que xa a recibiron.

Na mesma liña, avanzou a proposta de adiantar aos tres meses a administración das terceiras doses –en lugar dos seis como sucede actualmente—, tendo en conta que é un paso avalado polos expertos, polos datos, pola actuación doutros países e polas autoridades europeas.

O titular do Executivo autonómico lembrou que Galicia está a liderar precisamente o proceso de vacinación en todos os ámbitos. Proba diso, enunciou, son os datos que sitúan á Comunidade como a primeira con máis poboación con dúas doses; o liderado na vacinación dos nenos; a segunda posición nas doses de recordo entre os maiores de 70 anos, ou o 91,3% alcanzado no grupo entre 60 e 69 anos, trinta puntos por riba da media estatal.

En referencia aos obxectivos de vacinación trasladados polo Goberno de España, Feijóo tamén indicou que, fronte á meta do Executivo de alcanzar o 80% da poboación de entre 60 e 69 anos coa terceira dose antes de que remate o ano, Galicia xa o cumpriu o pasado 13 de decembro.

Igualmente, explicou que esta semana a Comunidade inmunizará coa terceira dose ao 80% da poboación de entre 50 e 59 anos –antes que a semana do 24 de xaneiro fixada polo Goberno—; e que a mesma porcentaxe dos galegos de entre 40 e 49 anos recibirán a terceira dose a mediados de febreiro –previamente á primeira semana de marzo establecida polo Executivo central—. Ademais, para a franxa dos nenos de entre 5 e 11 anos, agárdase que en Galicia o 70% reciba a primeira dose a mediados de xaneiro –antes que a semana do 7 de febreiro marcada polo Estado—, e a segunda en marzo –con adianto respecto á semana do 19 de abril—.

O presidente da Xunta tamén agradeceu o despregue, xunto con outros, de entre 9 e 10 efectivos de enfermaría do Exército anunciado durante a reunión, e felicitou a implicación do Goberno e da UE na vacinación en países en vías de desenvolvemento.

Reunións de Nadal, aforos e celebracións

Sobre as reunións no Nadal, Feijóo formulou a recomendación de minimizar o número de unidades familiares. “Se podemos cear coa nosa propia unidade familiar, o risco será practicamente inexistente, se queremos ampliar a 2 unidades o risco parécenos controlado. A partires de aí comezamos en zonas de maior descontrol”, detallou.

Do mesmo xeito adiantou que a Xunta apostará por non aplicar “nin restricións de aforos nin prohibicións” nas próximas datas do 24 e 25 de decembro, á espera da próxima celebración dun Comité Clínico a vindeira semana.

Nesa reunión, tamén se solicitará criterio sobre as celebracións de cotillóns en Fin de Ano, dada a maior interacción social nocturna; e tamén acerca das Cabalgatas de Reis ordinarias e a posibilidade de que se celebren de xeito estático, considerando a elevada participación de nenos non vacinados.

Outras medidas

Na súa intervención, o presidente da Xunta fixo igualmente referencia a outras medidas expostas por Galicia para afrontar a actual situación epidemiolóxica. Entre elas, a necesidade de intensificar as probas diagnósticas con test voluntarios en aeroportos e estacións de tren para persoas procedentes doutras autonomías, o regreso dos cribados a poboacións enteiras ou as probas gratuítas para menores de 11 anos nas farmacias.

Feijóo solicitou que se garanta o uso da máscara en exteriores en zonas urbanas, tal e como referiu o Goberno, aínda que circunscrito a que o seu uso sexa temporal, “ata que finalicen as festas”, e condicionado a unha posterior valoración. “Na maioría de Galicia seguirá sendo innecesaria”, precisou.

Outra das medidas abordadas foi o establecemento dun documento con niveis de restricións, “podendo chegar a limitar aforos cando a situación sube moito ou incluso prohibir en interiores cando estamos en situación de risco máximo”. Con todo, a Comunidade a día de hoxe atópase moi lonxe dese nivel máximo.

A respecto do certificado Covid, o titular do Goberno galego insistiu, en liña con outras autonomías, no seu uso obrigatorio para que reflicta a terceira dose e facilite as viaxes en países europeos, como Portugal. Ademais, Feijóo constatou a “precaución” de Galicia en relación coa corentena obrigatoria e a proposta de facela obrigatoria para os vacinados con dúas doses durante estas datas de Nadal.

Propostas recorrentes

Ante os medios, Feijóo tamén deu conta de varias medidas trasladadas por Galicia ao Goberno central, aínda sen atender.

Entre elas, está unha lexislación axeitada para xestionar a pandemia, rexeitada polo Executivo central –malia a reclamación doutras autonomías e os pronunciamentos do Consello de Estado ou dos Tribunais Superiores de Xustiza—. Tamén solucións ao problema “estrutural” de persoal sanitario, como a convocatoria dun MIR extraordinario ou a creación da especialidade de Medicina de Urxencias. E, por último, a petición dun fondo Covid para que as comunidades financien os gastos e necesidades causados pola pandemia.
 

Imaxes relacionadas