A Xunta aumenta en máis dun 12% o seu investimento nas contratacións artísticas da Rede Galega de Teatros e Auditorios

A carteleira do primeiro semestre ofrecerá 329 funcións escénicas e musicais de 128 formacións, cun orzamento de 1,13M€ cofinanciado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade e as entidades locais xestoras dos 40 espazos asociados

Increméntanse substancialmente as achegas do Goberno galego ás programacións dos auditorios municipais de Vigo e Lugo, o Teatro Rosalía Castro da Coruña ou o Teatro Principal de Ourense, entre outros escenarios
 

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2021

A Rede Galega de Teatros e Auditorios ten xa preparada a ampla carteleira que despregará durante o primeiro semestre de 2022 en 40 dos seus espazos asociados, achegándolle ao público unha variada oferta cultural con 329 funcións escénicas e concertos de 128 formacións, galegas na súa meirande parte. A Xunta de Galicia destina 574.000 euros, un 12,5% máis que en 2021, a este primeiro período da programación anual, que se financia ao 50% coas entidades locais xestoras dos escenarios, de xeito que o investimento conxunto en contratacións artísticas ata finais de xuño superará os 1,13 millóns de euros.

Ademais, este veterano programa da Xunta está a reforzar durante a pandemia o seu papel como unha das principais vías para a distribución dos espectáculos producidos profesionalmente en Galicia. De feito e pese aos peches e ás restricións sanitarias vividas durante este ano, a Rede Galega de Teatros e Auditorios rematará 2021 con máis de 500 actuacións ofrecidas por 163 formacións.

A súa nova programación semestral arrancará o vindeiro 13 de xaneiro coa representación no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo de Cigarreiras, espectáculo da compañía Contraproducións baseado en La tribuna, de Emilia Pardo Bazán. Con sete funcións, a montaxe dirixida por Cándido Pazó é, ademais, unha das máis contratadas ao abeiro nova temporada da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Máis de 150 espectáculos
Nela sobresaen, así mesmo, os espectáculos As que limpan, que A Panadaría estreará en febreiro e que acadou 15 representacións neste circuíto; Smoke on the Water, de Ibuprofeno Teatro, con 12, ; A lúa vai encuberta, de Incendiaria en coprodución do Centro Dramático Galego, tamén con 12; Libre coma os paxaros, de Teatro do Atlántico, con nove; Quixote, de Pedras de Cartón, e Morte accidental dun anarquista, de Talía Teatro, ambas con oito; e O porco de pé, de Producións Teatráis Excéntricas, con sete. En total, entre xaneiro e xuño exhibiranse 159 diferentes propostas de teatro, danza, maxia, música e novo circo tanto para público adulto como familiar.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade confirmoulles tamén aos espazos programadores cales serán as contías concretas que a Xunta lles facilitará en 2022 para contribuír ao desenvolvemento da súa respectiva actividade como parte da Rede ao longo de todo o ano. Nestes cómputos, experimentan un incremento substancial as achegas do Goberno galego aos auditorios municipais de Vigo (55.885 euros, preto dun 40% máis que en 2021) e Lugo (28.611 euros, cun aumento superior ao 50%), Teatro Rosalía Castro da Coruña (50.000 euros, un 18% máis que en 2021) ou Teatro Principal de Ourense (32.500 euros, un 22% máis), entre outras.

O calendario de funcións ao abeiro deste circuíto pode consultarse nas axendas das web de Cultura de Galicia e da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
 

Imaxes relacionadas