A Consellería de Sanidade solicita o uso responsable do 061 como número exclusivo para a atención ás emerxencias e os casos graves da covid-19

Lembra o uso do número 881 54 00 45 para a consulta de información, dúbidas ou síntomas leves relacionados co coronavirus

A Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 rexistrou onte un incremento do volume habitual de chamadas superior ao 40%

No caso de ser positivo en covid-19, debe marcar o 061 se sente sensación de afogo ao respirar, sofre unha alteración da consciencia ou ten dor no peito

A Estrada (Pontevedra), 28 de decembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Consellería de Sanidade solicita a cidadanía o uso responsable do teléfono 061 como número exclusivo para a atención ás emerxencias sanitarias e os casos graves provocados pola covid-19 na Comunidade galega. Ao tempo, o departamento sanitario da Xunta de Galicia, lembra o uso do número 881 54 00 45 para a consulta de información, dúbidas ou síntomas leves relacionados co coronavirus.

Así, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 rexistrou durante a xornada de onte un incremento superior ao 40% do volume de chamadas recibidas, por iso a necesidade de lembrar á poboación a importancia de realizar un uso responsable dos recursos sanitarios públicos. Este aumento da demanda sanitaria supuxo, como sucedeu noutros momentos desta pandemia, o reforzo do persoal que traballa na Central de Coordinación para manter a calidade na atención dos pacientes.

Calquera persoa que se atope nunha situación de urxencia ou emerxencia sanitaria, deberá chamar ao 061, onde será atendido por persoal médico e enfermeiro especialista na atención a este tipo de situacións.

Cando chamar ao 061 se ten covid-19

No caso de ser positivo en covid-19, tras a realización dunha proba diagnóstica, debe marcar o 061 nos seguintes casos: se sente sensación de afogo ao respirar, sofre unha alteración da consciencia ou ten dor no peito. No resto dos casos deberá chamar ao teléfono 881 54 00 45 de información exclusiva sobre o coronavirus, onde poderá realizar consultas, resolver dúbidas e recibir indicacións sobre como actuar no caso de sufrir síntomas leves como febre, cansazo ou malestar xeral relacionado coa covid-19.

Ademais, cómpre sinalar que o Servizo Galego de Saúde ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Por último, lémbrase que as persoas que visiten Galicia e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde a través do teléfono 881 00 20 21 ou no formulario habilitado na páxina da web do Sergas.

Imaxes relacionadas