MENSAXE DE FIN DE ANO DO PRESIDENTE DA XUNTA, ALBERTO NÚÑEZ FEIJÓO
Compartir
  • whatsapp

Boas tardes a todos.

Chegadas estas datas, é tempo de botar a vista atrás e facer balance dun ano que unha vez máis volveu estar condicionado pola covid e que lamentablemente volve a condicionar este Nadal, que non está a ser como a todos nos gustaría.

Por iso, antes de nada, quero mandar unha aperta a todas esas familias que perderon un ser querido por mor da pandemia e a todos os que se atopan nos hospitais loitando por superar a enfermidade.

E tamén quero dar as grazas a eses profesionais, coma Yolanda Moares, que tanto nos coidaron e que volveron dar o mellor para salvar vidas e para curarnos. E que o seguen facendo.

Un grazas de corazón e de parte de todos os galegos a médicos, enfermeiros, auxiliares, a todos os sanitarios pero tamén a aqueles que co seu traballo fan que a vida sexa un pouco menos dura cada día: policías, xente de protección civil, traballadores de residencias, mestres...

Co seu esforzo, e o de todos os galegos, logramos que a taxa de mortalidade sexa a máis baixa da Península e conseguimos reducir o impacto da pandemia grazas ao sentidiño.

Estamos a ser un exemplo de responsabilidade e solidariedade na vacinación, cunhas das taxas máis altas de España e de Europa.

Nieves, Nieves foi a primeira dun proceso que está a ser modélico. Millóns de galegos pasaron polos recintos de vacinación ao longo deste ano e aínda o fan agora para recibir a dose de reforzo e para vacinarse por primeira vez os nenos. Un proceso nunca visto e que mereceu a Medalla de Ouro de Galicia para os profesionais que o puxeron en marcha.

Sen dúbida, as vacinas son fundamentais para ver a luz ao final do túnel, afrontar con maior seguridade as novas variantes e ondas e tentar sobrepoñernos dunha vez a esta pandemia. O camiño non é sinxelo, pero os galegos somos quen de superar os obstáculos e chegar a bo porto.
Demostrárono este ano os deportistas galegos, que se superaron a si mesmos e volveron de Toquio con 11 medallas. Pero a verdade é que este ano foron moitos os galegos que mereceron o ouro. Os hostaleiros. Os profesores.Os empresarios.Os nosos maiores. Os nenos. Agricultores e gandeiros. Xentes do mar. E todos aqueles que con esforzo, humildade e sacrificio, non se renderon e que contribúen a facer cada día unha Galicia mellor.

Porque os galegos somos un exemplo de resiliencia antes de que se inventase esa palabra. Somos quen de dar o mellor de nós mesmos e seguir camiñando. Así o fixemos hai 40 anos, cando tamén con obstáculos e dificultades, aprobamos o Estatuto de Autonomía e emprendemos o camiño de maior progreso da nosa historia recente.

Catro décadas de avances nos que Galicia ten demostrado dende unha esquina da península que ser leal non é incompatible con ser reivindicativo. Que é posible sumar e servir aos cidadáns de Galicia e de España ao tempo que se mantén a identidade e as raíces. E todo iso é posible grazas aos galegos.

Sen dúbida, o Xacobeo marcará o vindeiro ano, como tamén o fará a evolución da pandemia e como afrontar a recuperación económica.

Seguro que aínda quedan dificultades. Estamos de cheo nelas. A incertidume de novas ondas, a suba do coste da vida, o prezo da luz... van ser pedras no camiño.

Pero Galicia conta cos instrumentos para facer fronte ao virus e por suposto está preparada para aproveitar os fondos europeos e poñer en marcha unha serie de proxectos que contribúan a dinamizar a nosa economía, xerar emprego e avanzar nun novo modelo máis verde, máis innovador e máis xusto.

Estamos preparados porque fixemos os deberes e porque temos o mellor recurso: a nosa xente.

Galicia non é só a fin do camiño, é tamén orixe e o camiño en si mesmo. O Camiño de Santiago é un modelo de concordia e está na orixe da construción europea.

Neste 2022 temos un novo Ano Xacobeo, de forma extraordinaria, e imos aproveitar todo o seu potencial. Todos estades convidados a participar dun acontecemento extraordinario, a gran festa de Galicia onde todos sodes benvidos.

Estou seguro de que en 2022, Galicia seguirá avanzando e os protagonistas non van ser outros que vós, as galegas e os galegos. Vós sodes imprescindibles para camiñar cara unha Galicia mellor.

Feliz Ano 2022 a todos.

Imaxes relacionadas
Departamento: A Presidencia da Xunta