A Xunta licita 7,5 millóns de euros en obras de tratamentos silvícolas en montes de toda Galicia
Estas actuacións, que se farán a través de dous procedementos abertos de contratación, consisten en rozas, podas e rareos coa finalidade de previr os incendios forestais
As obras desenvolveranse nas catro provincias galegas, en montes baixo xestión da Xunta de Galicia
Deste xeito avánzase na execución das obras previstas nos proxectos de ordenación dos montes beneficiarios destas obras
A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, vén de publicar na plataforma de contratación da Xunta de Galicia (www.contratosdegalicia.gal) dous procedementos abertos de contratación de obras de tratamentos silvícolas por un total de 7.483.720,95 euros. As obras fináncianse con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) nun 75%, repartíndose o 25% restante entre o Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación e a Xunta de Galicia.
O primeiro deles circunscríbese á provincia de Lugo e consta de 10 lotes (obras) aos que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas por separado. En total, os lotes suman 2,65 millóns de euros. O segundo afecta ás tres provincias restantes e consta de 19 lotes por un total de 4,82 millóns de euros. O prazo para presentar ofertas rematará o 26 de xaneiro, no primeiro caso, e o 9 de febreiro, no segundo.
Cómpre resaltar que para a selección das actuacións que se incluíron nos proxectos de obra valorouse a existencia dun proxecto de ordenación nos montes afectados, o que permite avanzar na execución das accións previstas nestes instrumentos, imprescindible para manter os certificados de xestión forestal sostible -PEFC e FSC- que ostenta a Xunta de Galicia. A certificación forestal sostible garante -ao máximo nivel- que a xestión dos bosques certificados é respectuosa co medio ambiente, ao mesmo tempo que cumpren outras funcións ecolóxicas, económicas e sociais.
Os licitadores realizarán todos os trámites de xeito telemático, dende a consulta da información dos lotes ata a oferta final. O procedemento en liña é posible grazas á plataforma desenvolvida pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), que permite tramitar a contratación das obras da Xunta de Galicia de xeito completamente dixital.
Compromiso da Xunta
Esta iniciativa enmárcase nunha sociedade europea que se atopa en vías de descarbonización, coa vista posta nos retos e oportunidades que están a demandar o Pacto Verde Europeo e a transición á bioeconomía.
Nese contexto, preséntase como clave o potencial de ecomateriais substitutivos baseados na madeira -en sectores como a construción, os téxtiles, os produtos químicos ou o envasado- seguindo o principio de “Reconstruír de novo facéndoo mellor” (“Building back better” BBB).