A Xunta inicia esta semana en Ourense a programación da mostra itinerante sobre o Camiño que transforma contenedores de barco en salas de proxección

A exposición ‘Percorrer o tempo. Visións Contemporáneas do Camiño’ organizada en colaboración coa Fundación “la Caixa” inaugurarase este venres con pezas de artistas emerxentes e consolidados como a presidenta da Axencia Magnum, entre outros

De xeito complementario, varios dos artistas ofrecerán un obradoiro no Arquivo Histórico Provincial previa inscrición e organízase unha conferencia aberta ao público
 

Ourense, 11 de xaneiro de 2022

A mostra itinerante Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño organizada pola Xunta de Galicia en colaboración coa Fundación “la Caixa” chega este venres a Ourense, para o que a Xunta xa ten organizada unha programación cultural paralela con actividades a cargo de varios artistas participantes.

A través de contenedores de barco convertidos en salas de exhibición, a iniciativa chega a Ourense tras o seu paso pola Coruña e Lugo. Achega diversas perspectivas das Rutas Xacobeas a través da ollada de 10 artistas de primeiro nivel do eido fotográfico e audiovisual, tanto emerxentes como consolidados. Algúns deles participarán nas actividades complementaria. Así, o fotógrafo ourensán Iván Nespereira e o coruñés Luis Díaz Díaz serán os protagonistas dun obradoiro o venres 14 e o sábado 15 no Arquivo Histórico Provincial.

A través do obradoiro, que se desenvolverá de 16,00 a 20,00 horas na primeira xornada, e de 10,00 a 14,00 horas na segunda, os autores afondarán na súa metodoloxía e referentes e traballarán co material das persoas participantes que queiran compartilo. O obxectivo é facer dinámicas de creación e reflexión colectiva sobre os procesos dun proxecto fotográfico e artístico. Cómpre ter en conta que para asistir é preciso inscribirse previamente a través do enderezo electrónico arq.prov.ourense@xunta.es, indicando o nome, idade, profesión e unha breve explicación das motivacións para participar na actividade, así como o compromiso de permanecer nas dúas sesións. O número de prazas está limitado a 10.

Os obradoiros complétanse cunha conferencia aberta ao público na que ambos artistas presentarán os seus traballos. A cita terá lugar tamén o venres a partir das 20,00 no Arquivo Histórico Provincial.


Percorrido por Galicia

Estas iniciativas encádranse na mostra itinerante Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño que a Xunta de Galicia, co apoio da Fundación “La Caixa”, promove para achegar diversas perspectivas das Rutas Xacobeas a través da ollada de 10 artistas do eido audiovisual, entre os que se atopan, entre outros, a presidenta da Axencia Magnum, Olivia Arthur, ou a Premio Nacional de Fotografía, Cristina de Middel.

A exposición inaugurouse na Coruña o pasado setembro e chega a Ourense tras pasar tamén por Lugo. Nos vindeiros meses trasladarase a Vigo e Santiago de Compostela, onde rematará no mes de xullo. Permanecerá na praza Bispo Cesáreo de Ourense do 14 de xaneiro ao 14 de marzo.
 

Imaxes relacionadas