A Xunta realiza actuacións preventivas en montes de Vimianzo e Camariñas por un investimento duns 120.000 euros
Ditas actuacións consistiron, fundamentalmente, en melloras de masas e pistas forestais localizadas no distrito forestal V Fisterra
Estas obras enmárcanse no Plan de prevención de incendios forestais da Consellería do Medio Rural, que contou cun orzamento de case 30 millóns de euros no ano 2021 para actuar en máis de 58.000 hectáreas nuns 5.000 quilómetros de pistas e vías de comunicación
A Consellería do Medio Rural realizou obras preventivas nos montes do distrito forestal V Fisterra, concretamente nos concellos de Vimianzo e Camariñas, por un investimento duns 120.000 euros.
Así, no concello de Vimianzo realizáronse actuacións de mellora de pistas forestais no monte Coto de Gándara para que os medios do Servizo de prevención e defensa contra incendios forestais teñan un mellor acceso ao monte. As obras consistiron en movementos de terra e baleirados, así como desmontes, execución de gabias e foxos, reparación de camiños con maquinaria, cunha inversión de case 17.500 euros. euros. Nos montes de Montecelo e Piñeu realizáronse rozas manuais e mecanizadas de matogueira, clareos, podas e trituración de restos nunha superficie de 42 hectáreas, por valor de case 52.500 euros.
No tocante aos traballos realizados en Camariñas, localizáronse nos montes da Ínsua, Curbeiro e Cusiñadoiro, todos eles en zonas de alto risco de incendios (ZAR). As obras consistiron na limpeza dos montes e na realización de labores silvícolas, tales como roza mecanizada, podas, recollida e apiado dos restos e a súa posterior eliminación nunha zona de 60 hectáreas. O custo destas actuacións superaron os 48.000 euros.
Todas estas obras enmárcanse no Plan de prevención de incendios forestais da Consellería do Medio Rural, que no ano 2021 contou cun orzamento de case 30 millóns de euros para actuar en máis de 58.000 hectáreas de territorio e nuns 5.000 quilómetros de pistas e vías de comunicación. O obxectivo final destas accións preventivas é evitar que o lume se produza, e en caso de producirse, limitar ao máximo a súa propagación e minimizar os danos causados.