A Xunta e a Asociación de Festivais de Galicia ofrecen descontos ás persoas mozas usuarias do carné xove

Ofrecerase un 15% de desconto nas primeiras entradas dos seguintes eventos asociados: Son Rías Baixas, SinSal, 17º Ribeira Sacra, Underfest, Vive Nigrán, Barbeira Season Fest, Wos Festival e Revenidas

Para facer efectivo o desconto nas plataformas de adquisición de entradas, os usuarios do Carné Xove deberán poñer o código: CARNEXOVEFESTIVAIS
 

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta e a Asociación de Festivais de Galicia asinaron un protocolo de colaboración para ofrecer vantaxes ás persoas mozas usuarias do Carné Xove. En concreto, ofrecerase un 15% de desconto nas primeiras entradas dos seguintes eventos que forman parte da citada Asociación: Son Rías Baixas, SinSal, 17ºRibeira Sacra, Underfest, Vive Nigrán, Barbeira Season Fest, Wos Festival e Revenidas. A sinatura tivo lugar esta semana entre a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, e o secretario da entidade, Carlos Alberto Montilla Cortizo.

Para facer efectivo o desconto nas plataformas de adquisición de entradas, os usuarios do Carné Xove deberán poñer o código: CARNEXOVEFESTIVAIS segundo se indique na información de cada festival. Así mesmo, no momento de entrar ao evento deberán presentar o seu carné xove acreditativo e debidamente activado. O acordo farase efectivo a partir do xoves 3 de febreiro, de maneira que será a partir dese momento cando as mozas e mozos poderán comezar a empregar o seu desconto nos diferentes festivais con entradas xa á venda.

Os detalles concretos sobre as condicións para cada un dos citados festivais adheridos ao Carné Xove poderanse consultar na páxina web xuventude.xunta.es, no apartado específico deste programa.
Ademais da Asociación de Festivais de Galicia, a Xunta mantén convenios de adhesión con outras entidades para ofrecer vantaxes ás persoas mozas. Exemplo diso é o convenio co Clúster de Turismo de Galicia que permite a concesión de descontos en máis de medio cento de establecementos de servizos turísticos, hospedaxe, tendas, ou balnearios. Así mesmo, tamén se ofrecen descontos nos establecementos adheridos á Federación Galega de Xoves Empresarios (Fegaxe-Aje Galicia).
O Goberno galego enviou de xeito gratuíto o Carné Xove o pasado ano ás 400.000 mozas e mozos de entre 12 e 30 anos de idade. Ademais, este carné pasou a ser indefinido e só precisa ser activado para beneficiarse destes convenios e das demais vantaxes das que dispón ao ser recoñecido en toda España e nos 40 países europeos adheridos a esta identificación.


 

Imaxes relacionadas