Controlado o incendio de Muíños que afecta o parque do Xurés, no que se rexistran outros dous lumes activos tamén procedentes de Portugal

O incendio de Muiños, parroquia de Prado de Limia, quedou controlado ás 13,41 horas

O lume de Entrimo afecta arredor de 50 hectáreas

O terceiro incendio do Xurés sitúase no concello de Calvos de Randín, parroquia de Randín

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2022

A Consellería do Medio Rural informa de que o incendio forestal rexistrado no concello ourensán de Muíños, parroquia de Prado de Limia, quedou controlado ás 13,41 horas de hoxe. Este lume entrou en Galicia dende Portugal esta pasada madrugada e afecta unha superficie de arredor dunha hectárea dentro do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés.

Tamén dentro deste espazo natural permanece activo outro lume, no municipio de Entrimo (parroquia de Venceáns). Este incendio tamén chegou dende Portugal e, segundo as últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie de arredor de 50 hectáreas. Para o control destes dous lumes mobilizáronse 4 axentes, 3 brigadas, 1 motobomba e 2 avións.

A maiores, nas últimas horas tamén chegou dende Portugal outro incendio, no concello de Calvos de Randín (parroquia de Randín) que afecta, así mesmo, ao devandito Parque do Xurés. Na súa extinción traballan 2 axentes, 1 brigada, 1 motobomba e 1 helicóptero.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Departamento:
C. do Medio Rural