A Xunta alleou 19 lotes de madeira por máis de medio millón de euros na última poxa pública electrónica celebrada en Pontevedra
Os importes acadados confirman a suba de prezos da madeira de coníferas avanzada en anteriores poxas, sendo previsible que continúen á alza no futuro debido á súa alta demanda internacional polas súas múltiples aplicacións
Cómpre destacar que 14 lotes contan con certificación forestal sustentable PEFC e 1 máis coa dobre certificación PEFC e FSC, o que supuxo que acadasen prezos moi superiores ao resto
A plataforma telemática de poxas enmárcase na estratexia de Dixitalización e Descarbonización (D&D) que están a desenvolver a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, procedeu esta semana ao alleamento de 19 lotes de madeira de coníferas taxados inicialmente en 288.600 euros pero que finalmente duplicaron esta cifra, acadando un valor total de 568.258,27 euros. A práctica totalidade dos lotes pertencen a comunidades de montes veciñais en man común con convenios ou consorcios de xestión coa Consellería.
En total, os lotes suman 17.000 toneladas de madeira de piñeiro do país e eucalipto branco, xunto con cantidades menores doutras especies. Isto tradúcese nunha absorción de CO² de máis de 11.000 toneladas que foron retiradas da atmosfera durante a vida destas árbores, que agora serán substituídas por novos pés que continuarán absorbendo este gas de efecto invernadoiro.
Os importes acadados na poxa confirman a suba de prezos da madeira de coníferas, chegando a superarse os 60 euros por tonelada en monte para a rolla de piñeiro do país, e prezos superiores aos 20 euros por tonelada para o puntal da mesma especie. Cómpre destacar que os mellores prezos acadáronse na madeira baixo certificación de xestión forestal sustentable realizada polo persoal da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e enmárcanse nunha dinámica de suba desta materia prima sendo previsible que continúen á alza no futuro, pois a madeira de coníferas está sendo moi demandada internacionalmente polas súas múltiples aplicacións.
Os lotes de madeira certificada cumpren -cando menos- os requisitos dun dos dous sistemas de certificación más implantados a nivel mundial. Así, cómpre destacar que 14 lotes contan con certificación forestal sustentable PEFC e un máis coa dobre certificación PEFC e FSC, o que supuxo que acadasen prezos moi superiores ao resto.
A maiores, as empresas adxudicatarias destes lotes dispoñen dun certificado de cadea de custodia, que permite garantir a trazabilidade da madeira e o mantemento destes selos ata o produto final. Cabe engadir que a certificación forestal sustentable garante -ao máximo nivel- que a xestión dos bosques dos que provén esta madeira é respectuosa co medio ambiente, ao mesmo tempo que cumpren outras funcións ecolóxicas, económicas e sociais.
Cómpre lembrar que -como no caso das poxas electrónicas de madeira celebradas anteriormente- os licitadores realizaron todos os trámites de xeito telemático, dende a consulta dos lotes dispoñibles ata a poxa final. Así mesmo, tanto as empresas participantes na poxa como todo aquel que o desexase puido seguir o proceso a través dunha sala virtual creada ao efecto.
O procedemento en liña é posible grazas á plataforma desenvolvida entre a Consellería do Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, que permite consultar os lotes de alleamento e obter información das súas características a través dun visor web cartográfico creado polo Instituto de Estudos do Territorio (IET), dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Ademais, permite facer consultas ou buscas por múltiples campos, exportar en formato PDF os planos e mesmo descargar os límites dos lotes en dispositivos móbiles para localizar facilmente as superficies arboradas que son obxecto das poxas públicas.
A maiores, os licitadores poden presentar directamente as súas ofertas económicas na Sede electrónica da Xunta de Galicia, apoiándose nun videotitorial elaborado ao efecto. Toda a información relacionada coas poxas de madeira pode consultarse no seguinte enderezo do portal web da Consellería do Medio Rural: https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/forestal/poxas.
Compromiso da Xunta
Con estas poxas electrónicas, a Xunta amosa o seu compromiso para seguir traballando cos axentes do sector forestal na construción de ferramentas dixitais que faciliten a súa actividade económica. Así mesmo, a iniciativa enmárcase nunha sociedade europea que se atopa en vías de descarbonización, coa vista posta nos retos e oportunidades que están a demandar o Pacto Verde Europeo e a transición á bioeconomía.
Nese contexto, preséntase como clave o potencial de ecomateriais substitutivos baseados na madeira -en sectores como a construción, os téxtiles, os produtos químicos ou o envasado- seguindo o principio de “Reconstruír de novo facéndoo mellor” (“Building back better” BBB).