A Xunta destaca o labor dos correspondentes na difusión da información xuvenil entre o alumnado

Este programa ten por obxecto conseguir que a mocidade universitaria galega estea informada dos diferentes programas, accións e iniciativas

Animou aos correspondentes a visitar os puntos de información xuvenil instalados estes días nos sete campus universitarios de Galicia

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta destaca o labor dos correspondentes xuvenís na difusión da información entre o alumnado. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, mantivo un encontro cos participantes universitarios da UDC na Facultade de Economía e Empresa da Coruña. Este programa, a maiores da implantación que xa ten na ESO, realízase tamén en colaboración coas tres universidades galegas.

Está iniciativa ten por obxecto conseguir que a mocidade universitaria galega estea informada dos diferentes programas, accións e iniciativas que a Xunta de Galicia lle ofrece, así como outra información de interese. Son os propios estudantes, como correspondentes universitarios, os encargados de transmitir esa información, o que favorece a súa participación activa tanto na elaboración como na difusión da información entre iguais.

Ademais de estar ao día das posibilidades de ocio e formación que se convocan para eles, os correspondentes universitarios verán recoñecido o seu esforzo e tempo investidos no programa a través dun certificado de educación non formal en materia de xuventude. No eido académico, as tres universidades ofrecen a posibilidade de convalidar créditos ECT, segundo cadanseu convenio específico. Ademais, os interesados poderán solicitar gratuitamente o carné de alberguista. Así mesmo, e sempre que a situación sanitaria o permita, poderán participar nun encontro autonómico de correspondentes universitarios.

Puntos de información xuvenil

A directora xeral animou aos correspondentes a visitar os puntos de información xuvenil instalados nos sete campus universitarios de Galicia desta semana. En Santiago o punto de información situouse neste mes de febreiro na Facultade de Comunicación. Coa finalidade de continuar achegando información á mocidade, o Goberno galego desenvolve esta nova iniciativa, coa que pretende asesorar aos estudantes das tres universidades galegas. Neste punto tamén se habilitará a activación do Carné Xove, que a Administración autonómica fixo chegar á casa duns 400.000 mozas e mozos.

No campus da cidade herculina o punto de información estivo no Edificio Xoana Capdevielle, e no de Ferrol, no de Apoio ao Estudo. En Lugo comezará a funcionar un punto de información hoxe na facultade de Formación do Profesorado. Por último, na Universidade de Vigo haberá un punto de información hoxe na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense, e na Facultade de Belas Artes do campus de Pontevedra. Mañá xoves estará na Facultade de Filoloxía e Tradución de Vigo. Estes puntos funcionarán en horario de mañá, de 10.30 a 14.30 horas, un día ao mes en cada campus, salvo na época estival.

Imaxes relacionadas