A Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno en Lugo atendeu case 2.000 consultas para facilitar a integración dos galegos retornados na provincia

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o delegado da Xunta de Lugo, Javier Arias, visitaron a oficina situada no edificio administrativo da cidade da muralla, que conta con persoal especializado para acompañar persoalmente aos galegos de exterior en todo o seu proceso de retorno

Dende a súa creación, as cinco oficinas integrais de Retorno de Galicia atenderon preto de 30.000 consultas de todo tipo, dende económicas ata escolarización de menores, emprego ou autorización de residencia

Lugo, 10 de febreiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitaron esta mañá a oficina integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno desta localidade, situada no edificio administrativo da Xunta na cidade da muralla, comprobando o labor realizada ao longo destes meses para acompañar e axudar aos galegos do exterior que decidiron retornar a Galicia e comezar unha nova vida.
Esta oficina, xunto as situadas en Ourense, Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela, están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e contan con persoal especializado que se encarga de informar e asesorar aos galegos do exterior cara a favorecer o retorno, así como de acompañar aos galegos retornados e aos seus familiares. Tamén explican tódolos programas da Secretaría Xeral da Emigración dirixidos á diáspora, así como asesoran sobre os temas relacionados con educación, formación, laboral e social, e mesmo, no caso dos familiares con outra nacionalidade, tamén orientan no eido da estranxeiría, ofrecendo apoio continuo, tanto presencial coma telemático.

Dende a súa posta en marcha, en febreiro de 2020, as oficinas integrais das catro provincias asesoraron a un total de 8.153 persoas, acompañándoas na súa integración en Galicia e informándolles sobre as liñas de apoio coas que a Xunta de Galicia conta para axudarlles a consolidar o seu regreso, así como os canais existentes para homologar estudos, facilitar a tramitación da documentación persoal e a presentación de solicitudes de subvencións e prestacións.

Así, en total, realizáronse 29.292 consultas, das que, 3.213 estaban relacionadas con temas educativos (escolarización de menores, formación regrada, formación para o emprego, homologación de estudos...); 13.519 tiveron que ver con temas sociais como asistencia sanitaria, autorizacións de residencia, axudas económicas, prestacións ou vivenda; 6.630 tiñan que ver con temas laborais como información acerca do emprego por conta allea ou axudas ao autoemprego, e finalmente, 3.831 cuestións tiñan relación con outros trámites.

A oficina situada en Lugo, que atende a toda a provincia, respondeu cuestións tanto presenciais como telefónicas a 466 persoas, e resolveu un total de 1.876 consultas das cales, 330 foron cuestións educativas, 1.335 sociais e 380 laborais.

A posta en marcha destas oficinas formou parte da anterior Estratexia Retorna do Goberno galego que contou cun orzamento global de preto de 500 millóns. Nestes intres, tal e como destacou Rodríguez Miranda, “estamos xa a traballar na nova Estratexia que se porá en marcha este mesmo ano e que permitirá continuar a acompañar persoalmente aos galegos do exterior en todo o proceso de retorno”.

Imaxes relacionadas