A Xunta e o Concello de Monterroso colaborarán na posta en valor da área recreativa da Peneda

O Goberno local ten un proxecto para acometer a mellora deste complexo turístico natural, unha zona moi visitada e dotada de praia fluvial, piscinas e zona de ocio

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2022

A Xunta de Galicia e o Concello de Monterroso colaborarán na posta en valor da área recreativa da Peneda, un espazo de ocio localizado ao carón do río Ulla e moi visitado pola veciñanza, xa que conta cunha praia fluvial, piscinas municipais e área de esparexemento, entre outros servizos.

Así o acordaron a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa, Rocío Seijas, que mantiveron unha reunión esta semana para abordar este e outros asuntos de interese municipal.

Neste sentido, a rexedora explicoulle que o Goberno local está a traballar nun proxecto de remodelación e mellora deste complexo turístico-fluvial co obxectivo de poñelo en valor e potenciar os seus usos públicos. Ademais, subliñou o entorno privilexiado no que se localiza este espazo, bañado polo Ulla e rodeado de carballos centenarios.

Tras felicitar á alcaldesa pola iniciativa, a conselleira comprometeuse a analizar con detalle o proxecto municipal para a área da Peneda e asegurou que o seu departamento estudará a posibilidade de colaborar no mesmo.

Ao respecto, lembrou que desde hai anos a Consellería mantén aberta unha liña de apoio ás entidades locais co fin de contribuír á mellora de equipamentos municipais, dos servizos públicos a disposición da veciñanza, así como á humanización e posta en valor das contornas urbanas.
 

Imaxes relacionadas