A Xunta propón aos doutores Ángel Carracedo e Alec Jeffreys como candidatos aos premios Princesa de Asturias 2022

A Administración galega remarca o valor dos descubrimentos acadados por ambos científicos no ámbito da xenética, cunha candidatura conxunta que recoñece a súa dilatada traxectoria profesional

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia vén de propór aos doutores Ángel Carracedo e Sir Alec Jeffreys, como candidatos aos Premios Princesa de Asturias 2022, na categoría de Investigación Científica e técnica.

A Administración galega remarca os importantes descubrimentos acadados por ambos científicos no ámbito da xenética e a Medicina forense, uns avances que contribuíron á estandarización e implantación das probas de ADN forense a nivel mundial e que, a día de hoxe, seguen a axudar á xustiza a resolver un gran número de investigacións.

O doutor Carracedo é a figura máis representativa da Medicina forense a nivel mundial, excedendo o ámbito da Xenética forense pola súa contribución á patoloxía forense coa introdución da autopsia molecular.

Así, o actual presidente da Academia Internacional de Medicina legal, estendeu durante os últimos quince anos o seu labor no campo da xenética clínica e medicina xenómica, con contribucións relevantes no coñecemento da causa xenética das enfermidades, promovendo a creación da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, que dirixe desde entón, o centro de maior volume de España no diagnóstico de enfermidades xenéticas.

Ademais, o profesor Carracedo tamén creou e dirixe o Centro Nacional de Genotipado, a infraestrutura IMPaCT Xenómica para o desenvolvemento da Medicina personalizada en España e a infraestrutura Innopharma e Fundación Kaertor para o desenvolvemento de fármacos en fase preclínica. Os seus grupos de traballo e investigación son lugares de excelencia onde se forman científicos de todo o mundo e protagonizando moitos dos avances máis importantes no campo da xenética forense.

Pola súa banda, o doutor británico Sir Alec Jeffreys, nado en 1950 en Oxford, centrou as súas investigacións en explorar a diversidade do ADN humano e os procesos de mutación que crean esta diversidade; sendo un dos primeiros investigadores en descubrir a variación herdada no ADN humano.

Sen dúbida, a súa gran achega científico-técnica foi o descubrimento da pegada de ADN, mostrando como se pode empregar para resolver problemas de identidade e parentesco, e abrindo o campo do ADN forense. O impacto posterior do ADN na resolución de casos de paternidade e inmigración, a captura de delincuentes e a liberación de inocentes foi extraordinario, afectando directamente a vida de millóns de persoas en todo o mundo.

O seu traballo tivo como obxectivo tratar de comprender como se xera a variación no ADN humano, mediante o desenvolvemento de técnicas novas e moi potentes para detectar cambios espontáneos na información xenética a medida que se transmite de pais a fillos.

Tras o seu descubrimento, no ano 1984, para identificar as persoas a través de variacións no seu ADN, o profesor Jeffreys será alcumado como 'Mr. DNA fingerprinting' ou 'O pai das impresións dixitais xenéticas'. O descubrimento dos polimorfismos ou "pegada de ADN" por parte do doutor Alec Jeffreys abriu un inmenso campo de posibilidades para a aplicación práctica dos polimorfismos de ADN ás Ciencias Forenses, desenvolvementos que foron liderados polo doutor Ángel Carracedo nos últimos 25 anos.

Sobre a base do achado científico do Dr. Jeffreys, o doutor Ángel Carracedo describiu os primeiros STRs; foi pioneiro no uso de ADN mitocondrial na práctica forense (crime de Alcasser 2000); no uso de multiplexes de cromosoma e; na análise de SNP para o recoñecemento de vítimas de grandes catástrofes naturais (Tsunami asiático 2004) ou en casos complexos de parentesco (identificación do fillo de Clara Rojas, Colombia); e máis recentemente, no fenotipado forense por ADN, que facilita a determinación de ancestralidad, determinación da idade ou a pigmentación, contribuíndo á resolución de casos policiais complexos (Operación Mindstead - UK, 2009-; asasinato de Eva Blanco -1997; probas do atentado do 11- M).

O profesor Alec Jeffreys debe de ser considerado como o descubridor do ‘ADN fingerprint’, coa que se revolucionou a Medicina forense, a investigación policial e as resolucións xudiciais; e o profesor Carracedo, debe de ser recoñecido como o seu máximo innovador, con avances importantes que permitiron a súa aplicación, cunha contribución decisiva á estandarización e á aplicación das probas de ADN na práctica forense. Deste xeito, o traballo do doutor Carracedo foi a punta de lanza para toda a comunidade internacional na estandarización e validación de marcadores para a utilización da pegada de ADN, participando en organismos reguladores como o Forensic DNA Regulator (Reino Unido), e na Comisión Nacional para o uso Forense do ADN.

A Xunta de Galicia entende que as achegas de ambos doutores ao eido científico converten a esta candidatura conxunta nunha firme candidata aos Premios Princesa de Asturias.
 

Imaxes relacionadas