A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro reuniuse esta semana con representantes dos oito grupos de acción local do sector pesqueiro de Galicia

Galicia prepárase para a adaptación dos grupos de acción local de pesca ao futuro fondo europeo

A Xunta porá a disposición dos candidatos a grupos que resulten admitidos unha liña de axudas para a fase preparatoria co obxectivo de apoialos no desenvolvemento de accións de formación e estudos relativos á zona obxecto da estratexia de desenvolvemento local participativo

Entre 2016 e 2020 os GALP de Galicia desenvolveron preto de 500 iniciativas que contaron cun investimento global de máis de 70 millóns de euros, dos que preto de 30 millóns de euros son de axuda pública
 

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2022

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, reuniuse esta semana con representantes dos oito grupos de acción local do sector pesqueiro de Galicia para informarlles dos pasos a dar de cara á adaptación e configuración dos grupos de acción local de pesca no marco do futuro Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (Fempa). Deste xeito, Galicia prepárase para aproveitar de xeito eficaz os fondos europeos destinados ao desenvolvemento socioeconómico das zonas costeiras.
Durante a xuntanza, na que tamén participaron outros técnicos da Xunta, expúxoselles aos representantes dos grupos o que establece o Fempa en relación ao desenvolvemento local participativo e ás estratexias nesta materia. Os representantes da Administración autonómica tamén explicaron os requisitos que deben seguir os proxectos que desenvolvan os grupos no marco da nova ferramenta de financiamento.
A reunión tamén serviu para dar conta dos pasos a seguir para a preparación das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) e das candidaturas dos grupos. A Xunta porá unha liña de axudas a disposición dos candidatos a grupos que resulten admitidos para a fase preparatoria e que teñen como obxectivo apoialos no desenvolvemento de accións de formación e estudos relativos á zona obxecto da estratexia. Esta orde de achegas, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, cubrirá custos de asesoramento e accións relacionadas coas consultas ás partes interesadas para a elaboración das estratexias.
Ademais os representantes do Goberno galego explicaron os criterios de selección dos territorios de acción dos grupos, das estratexias e dos GALP. Unha vez seleccionados os candidatos a grupos de acción local do sector pesqueiro a Consellería do Mar asinará con estas entidades convenios para a elaboración das EDLP no marco do futuro fondo europeo.


Os GALP


Os actuais grupos de acción local do sector pesqueiro dan continuidade aos antigos grupos de acción costeira (GAC) e son asociacións sen ánimo de lucro colaboradoras da Consellería do Mar como axentes de desenvolvemento na aplicación da estratexia de desenvolvemento local participativo da zona pesqueira e na xestión e control das axudas que se tramitan para o desenvolvemento desa estratexia.
A actividade dos oito grupos que hai en Galicia dentro do programa operativo do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca contribúe a mellorar a transformación, comercialización e posta en valor das producións pesqueiras, ao desenvolvemento dun sector turístico sustentable, á creación de empresas e á xeración de emprego e á diversificación do sector a través de iniciativas complementarias da actividade pesqueira como o turismo mariñeiro. Tamén contribúe á conservación e á valorización do patrimonio natural e cultural marítimo-pesqueiro.
Entre a primeira convocatoria de axudas a proxectos dos GALP, do ano 2016, e o 2020 os GALP de Galicia desenvolveron preto de 500 iniciativas que contaron cun total de axuda pública de máis de preto de 30 millóns de euros e catalizaron preto de 40 millóns de euros de investimento privado, o que supuxo un investimento total de máis de 70 millóns de euros.
 

Imaxes relacionadas