Galicia xa conta con máis mulleres promotoras de novas cooperativas que homes e supera o seu obxectivo fixado na Estratexia Galega de Economía Social
En 2021 o 50,79% das cooperativas foron iniciativa de galegas, un 13% máis que dous anos atrás, en 2019
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe en Santiago de Compostela na clausura do acto Mulleres na economía social
A Xunta lanzará unha campaña con motivo do 8-M sobre relatos de mulleres galegas na economía social para visibilizar e recoñecer o traballo feminino
Galicia é a única comunidade en contar cunha Lei autonómica de economía social que recolle como principio reitor a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes
Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2022.- A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, puxo en valor hoxe, no acto Mulleres na economía social, que esta fórmula empresarial conta cunha “forte perspectiva feminina”. Indicou que 2021 pechou con máis mulleres (50,79%) promotoras en novas cooperativas que homes, superando o obxectivo fixado na Estratexia galega de economía social 2019-2021: conseguir que a metade das persoas socias promotoras de cooperativas fosen mulleres. Partiuse en 2019 cun 37,7% de mulleres.
A conselleira indicou que a Xunta está a poñer en marcha numerosas actuacións que impacten directamente no aumento da participación feminina en todos os ámbitos do mercado laboral galego, garantindo que a participación sexa xusta e en igualdade de condicións respecto aos homes. “Imos polo bo camiño e aínda que debemos poñer o foco en todo o que queda por facer, é importante recoñecer os logros que como sociedade fainos avanzar”, subliñou.
Lorenzana lembrou a importancia da economía social para a Xunta sinalando que Galicia é a única comunidade en contar cunha Lei autonómica de economía social e que recolle, como principio reitor, a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. “A economía social abrazada abertamente á igualdade e á xustiza está chamada a ser unha forza impulsora da visibilización e recoñecemento do traballo feminino, ofrecendo unha gran potencialidade para o desenvolvemento económico sostible que queremos para Galicia”, remarcou.
Lorenzana anunciou, por outra banda, o inicio dunha campaña en redes sociais con motivo do 8-M sobre relatos de mulleres galegas na economía social co obxectivo de visibilizar e recoñecer o traballo
feminino neste ámbito.
Cada venres do mes de marzo e o primeiro de abril publicarase en Facebook, Twitter e Instagram un vídeo coa testemuña de catro mulleres vinculadas á economía social. En total serán catro relatos, os de María José Manivesa, da cooperativa Agroflor; Susana Roque, da cooperativa Cerne Asesores; Raquel Alvite, do centro especial de emprego Combina Social; e Lourdes Bustamante, da empresa de inserción Laboral Boa Vida; catro visións que, en palabras da conselleira, permitirán ser conscientes do que supón medrar profesionalmente como muller e entender que a economía social conecta co rural e coas cidades, facendo “unha Galicia máis humana, solidaria e inclusiva”.