A Xunta avanza na prevención de incendios en 30 ha do concello das Neves actuando en áreas cortalumes, faixas auxiliares e pistas forestais
O investimento nestes traballos do Distrito Forestal XVII Condado-Paradanta aproxímase aos 16.000 euros
As accións enmárcanse no Plan preventivo da Consellería do Medio Rural, que contou cun orzamento de case 30 millóns de euros no ano 2021 para actuar en máis de 58.000 hectáreas e nuns 5.000 quilómetros de pistas e vías de comunicación
A Xunta investiu preto de 16.000 euros en traballos preventivos nos montes das parroquias de Rubiós, Taboexa, Santiago de Ribaterme, San Xosé de Ribaterme e Setados, do concello pontevedrés das Neves. Estes labores comprenden, entre outros, a creación e mantemento de faixas auxiliares, rozas e actuacións en áreas cortalumes, nunha superficie dunhas 30 hectáreas.
Así, no marco dos traballos do Distrito Forestal XVII Condado-Paradanta, avanzouse na creación e mantemento de faixas auxiliares e nas rozas de pistas forestais para retirar matogueira de diversas alturas e densidades. O obxectivo é diminuír o risco de incendios e facilitar o tránsito polo monte dos medios de prevención e extinción. Canto ás áreas cortalumes, actuouse na vexetación existente, co fin de crear ou mellorar liñas de defensa, dificultando a propagación de eventuais lumes.
Respecto da localización dos traballos concretos, nas comunidades de montes veciñais en man común de Taboexa e Rubiós realizáronse traballos de mantemento e roza de faixas auxiliares e pistas. Nos de Santiago de Ribarteme e San Xosé de Ribarteme tamén se levaron a cabo estas tarefas, así como a mellora de áreas cortalumes, acción esta última que se executou -así mesmo- no monte de Setados.
Todas estas obras enmárcanse no Plan de prevención de incendios forestais da Consellería do Medio Rural, que no ano 2021 contou cun orzamento de case 30 millóns de euros para actuar en máis de 58.000 hectáreas de territorio e nuns 5.000 quilómetros de pistas e vías de comunicación. O obxectivo final destas accións preventivas é evitar que o lume se produza, e en caso de producirse, limitar ao máximo a súa propagación e minimizar os danos causados.