O 061 de Galicia asistiu 42 persoas por 32 accidentes de circulación durante a fin de semana
Desde as 15,00 horas do venres, 11 de marzo ata as 23,59 horas do domingo, 13 de marzo, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recibiu 45 chamadas por accidentes de tráfico
Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana 42 persoas debido a 32 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15,00 horas do venres, 11 de marzo, ata as 23,59 horas do domingo, 13 de marzo. O domingo foi o día que rexistrou máis sinistros, con 17 accidentes de tráfico.
A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 45 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 32 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atendeu un total de 42 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 55% e do 45% respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 33% dos atendidos tiña entre 40 e 54 anos.
Por provincias, Pontevedra foi a que máis sinistros rexistrou con 16 accidentes de tráfico durante os desprazamentos destas datas.
Provincia | Accidentes |
A Coruña | 6 |
Lugo | 5 |
Ourense | 5 |
Pontevedra | 16 |
Galicia | 32 |
En 32 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes, en nove ocasións atendeuse no propio lugar do incidente e unha persoa faleceu no punto.