A Xunta prestou asistencia a máis de 281.000 contribuíntes no ano 2021

Desde maio de 2021 a Atriga unificou a atención telefónica nun número único de Información ao contribuínte co fin de mellorar e facilitar o acceso dos cidadáns á información tributaria

Desde agosto universalizou a posibilidade de que calquera persoa puidese aboar on line todos os ingresos xestionados por este organismo

Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia deu atención o ano pasado a un total de 281.490 contribuíntes. Do total, 154.907 foron atendidos de maneira presencial nos 47 puntos de información que a Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) ten distribuídos por toda Galicia, e aos 126.583 restantes prestóuselle asistencia pola vía telefónica.

Un avance de datos analizado pola Atriga mostra tamén que o ano pasado este organismo non esgotou a súa capacidade de atención aos cidadáns, pois o 57% das citas ofrecidas quedaron libres –esta porcentaxe foi incluso do 26% para aquelas xestións máis demandadas-.

Hai que ter en conta que desde o mes de maio de 2021, os servizos que se prestaban mediante o sistema de cita previa completáronse coa posibilidade de poder solicitar unha cita para obter de maneira telefónica información tributaria xeral ou para a asistencia na confección on line dos modelos. A partir dese mesmo mes, tamén se unificou a atención telefónica nun número único de Información ao contribuínte co fin de mellorar e facilitar o acceso dos cidadáns á información tributaria.

Ademais, o ano pasado a Atriga universalizou a posibilidade de que calquera cidadán puidese aboar on line, -a través da Oficina Virtual Tributaria e cunha tarxeta de crédito ou débito- todos os ingresos xestionados por este organismo, para evitar os desprazamentos ás oficinas bancarias. Desde a súa implantación en agosto e ata este mes de febreiro efectuáronse de 130.142 operacións.
En canto ao ano 2022, a Atriga habilitou desde o mes pasado a posibilidade de realizar nas súas delegacións o pago das autoliquidacións do Imposto de Sucesións e Doazóns, do Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (ITP-AXD) e de vehículos usados por importe de ata 3.000 euros a través dun Terminal en Punto de Venda (TPV) físico.
Os cidadáns poden realizar este pago mediante tarxeta de crédito ou débito de calquera entidade bancaria –e sen comisión de utilización para o contribuínte- no mesmo momento no que están a realizar a presentación dos impostos e coa mesma cita que soliciten para ser atendidos de xeito presencial en calquera das cinco delegacións da Atriga (A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo). Desde a súa implantación, a mediados deste mes de febreiro, xa se efectuaron 582 operacións.

A Axencia Tributaria de Galicia tamén vai ampliar os medios de pago das débedas tributarias e permitirá realizar o seu pago a través de xiro postal ou transferencia bancaria co obxectivo de facilitar o cumprimento das obrigas tributarias aos cidadáns. Trátase de ampliar as posibilidades de pago das que xa dispoñen os cidadáns e dar resposta a todos aqueles casos nos que o contribuínte non ten aberta unha conta en ningunha das entidades colaboradoras coa Atriga.

En todo caso, neste 2022 a Axencia Tributaria de Galicia seguirá reforzando e avanzando na información e simplificando a asistencia aos contribuíntes para prestar uns servizos públicos máis accesibles, sinxelos e áxiles.

Plan de control 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte as liñas xerais do Plan de control tributario do exercicio 2022, que reforza as liñas de actuación desenvolvidas pola Atriga desde a súa posta en marcha no ano 2013.

O Plan de control tributario da Axencia Tributaria de Galicia para o ano 2022 está composto polas directrices xerais de actuación e polos plans de xestión tributaria, inspección tributaria e recadación que, conforme ao disposto no artigo 116 da Lei xeral tributaria, teñen carácter reservado.

En cada un destes plans fíxanse as liñas de actuación que hai que executar e os obxectivos a alcanzar coa finalidade de contribuír a garantir a prestación dos servizos públicos a todos os cidadáns e potenciar o cumprimento voluntario das obrigas tributarias.