A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse co alcalde para analizar o proxecto municipal para esta zona

A Xunta e o Concello de Laza colaborarán nun proxecto para acondicionar a contorna da igrexa de San Xoán

Ángeles Vázquez comprométese a cooperar co Goberno local nos custos da actuación, que encaixa dentro dos obxectivos do chamado plan Hurbe

Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia e o Concello de Laza colaborarán para levar a cabo o acondicionamento da contorna da Igrexa de San Xoán Bautista, un espazo moi frecuentado pola veciñanza, xa que está localizado en Laza, a parroquia principal do municipio.

Así o acordaron esta semana a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde, Ramón Barreal, no marco dunha reunión de traballo para abordar este e outros asuntos de interese municipal.

A intervención centrarase en dúas rúas de Laza: a travesía Castiñeira e a rúa J. Alonso Obregón. Os obxectivos que se perseguen son a mellora do acceso á igrexa, a creación de espazos para peóns e zonas verdes, a construción dun acceso á praza, a Impermeabilización do centro de emerxencias municipal e a habilitación dun espazo público na planta superior deste edificio.

Ademais, o rexedor subliñou que a Igrexa de San Xoán Bautista se encontra en pleno itinerario do Camiño de Santiago, concretamente na Vía da Prata, polo que a actuación urbanística proxectada na zona terá un impacto positivo sobre a imaxe que se levan os peregrinos ao seu paso polo municipio ourensán.

Pola súa parte, a conselleira asumiu o compromiso de cooperar co Goberno local nestes traballos. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo analizará o proxecto co fin de preparar os termos concretos da súa colaboración.

A este respecto, lembrou que desde hai 12 anos a Xunta mantén aberta a través do plan Hurbe unha liña de apoio económico ás entidades locais co fin de contribuír á mellora dos equipamentos municipais e dos servizos públicos á disposición da veciñanza, así como á humanización e posta en valor das contornas urbanas, uns obxectivos nos que encaixa, segundo dixo, a intervención proposta polo municipio ourensán.

Imaxes relacionadas