A Xunta aplaude a sentenza do TSXG sobre o plan de marisqueo porque ratifica os argumentos de Galicia fronte á actuación ilóxica do Goberno central
A conselleira do Mar valorou no Parlamento o fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia como unha vitoria do sector marisqueiro galego ante un ataque arbitrario do Executivo do Estado contra un sistema que leva funcionando perfectamente desde hai máis de 30 anos
Expuxo que a ningunha outra comunidade autónoma se lle exixiu o informe preceptivo que se lle reclamou a Galicia, o que reflicte que se trata dun ataque máis do Ministerio para a Transición Ecolóxica á comunidade galega e ao seu sector marítimo-pesqueiro e ademais supón unha invasión das competencias exclusivas de Galicia nesta materia
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, subliñou hoxe no Parlamento que a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que desestima o recurso do Estado contra o Plan Xeral de Explotación Marisqueira para o trienio 2021-2023 “é unha vitoria do sector marisqueiro galego ante un ataque totalmente arbitrario do Executivo do Estado”. Nesta liña, sinalou que este fallo, publicado o 16 de marzo, “supón unha enorme satisfacción para a Xunta porque ratifica, un por un, todos os argumentos defendidos desde Galicia neste procedemento xudicial iniciado de xeito inxustificado polo Goberno central contra o sector marisqueiro galego”.
Así o sinalou en resposta a unha pregunta sobre este tema, na que tamén insistiu en que, o sistema de aprobación dos plans xerais de explotación marisqueira leva funcionando perfectamente desde hai máis de 30 anos. Ata o ano pasado, engadiu a conselleira, o Goberno galego tramitou e aprobou plans de explotación sen que houbese problema algún ou solicitude por parte de ningún dos gobernos de informes preceptivos ao respecto.
Neste sentido, a titular de Mar subliñou que a sentenza do TSXG constata que este procedemento é un ataque máis do Ministerio para a Transición Ecolóxica a Galicia e ao seu sector marítimo-pesqueiro, “porque a ningunha outra comunidade autónoma se lle exixiu o informe preceptivo que se lle reclamou a Galicia”. Ademais Rosa Quintana fixo fincapé en que a Xunta “cumpriu e cumpre estritamente coa lexislación e seguirá defendendo os intereses do sector fronte a un recurso que supuxo xogar co seu futuro”.
A maiores, a conselleira do Mar manifestou que se trata dun proceso que foi levado a cabo sen diálogo “e froito dun intento de imposición que invadía as competencias exclusivas de Galicia nesta materia”. Nesta liña, Rosa Quintana destacou a “falta de sensibilidade e de vontade do Ministerio para a Transición Ecolóxica coa cadea mar-industria, obviando a súa realidade unha vez máis, neste caso ao poñer en tea de xuízo décadas de historia de xestión responsable e cogobernada da actividade”.