A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou as empresas galegas do eido marítimo-pesqueiro que participan na Feira Alimentaria
A Xunta reforza a campaña 'Galicia sabe amar' para animar a consumir peixes e mariscos, elevar os seus prezos e apoiar a frota ante a suba do gasoil
Rosa Quintana puxo en valor o importante papel do sector marítimo-pesqueiro na cadea de subministro e o seu esforzo ao ir faenar cuns prezos de combustibles á alza e que en moitas ocasións fan que a actividade non sexa rendible
Destacou que a aportación deste sector contribúe a feitos como a suba de preto dun 15% no valor das exportacións dos produtos do mar, que no 2021 superou os 2.400 millóns de euros
Sinalou que eventos como Alimentaria Barcelona, que se celebra ata este xoves 7 de abril, son clave para difundir a calidade dos peixes e mariscos galegos e que este ano o Goberno galego levará a iniciativa GALICIA SABE AMAR a máis dunha decena de feiras nacionais e internacionais
A Consellería do Mar está presente na feira barcelonesa cun posto que conta con 460 metros cadrados de superficie de zona expositiva e que alberga a 26 empresas
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe en Barcelona a Feira Alimentaria para apoiar ás empresas galegas da cadea mar-industria que participan neste evento no que a Consellería do Mar promociona a calidade dos produtos do mar coa campaña GALICIA SABE AMAR. Alí a conselleira explicou que o Executivo galego reforzará esta semana esta iniciativa para animar á sociedade a consumir produtos do mar, elevar os seus prezos e apoiar á frota ante o encarecemento do gasóleo.
Nesta liña, a titular de Mar puxo en valor o importante papel da frota na cadea de subministro tendo en conta que están faenando cuns prezos de combustibles á alza, que en moitas ocasións fan que a actividade non sexa rendible. Un traballo, explicou, co que contribúen ao potencial e o peso da cadea mar-industria na economía de Galicia e que se reflicte en cifras como os máis de 2.400 millóns de euros derivados das exportacións de produtos do mar no 2021, o que supón preto dun 15% máis que en 2020.
Por iso, subliñou, é imprescindible apoiar ao sector marítimo-pesqueiro para garantir o seu funcionamento e operatividade así como o subministro de produtos de calidade á sociedade. Un xeito de impulsar ese apoio, expuxo Rosa Quintana, é a través de accións como GALICIA SABE AMAR coa que a Xunta busca fomentar o consumo de produtos marítimo-pesqueiros e enxalzar o importante labor da frota pesqueira galega para manter, a pesares das dificultades, a oferta de proteína mariña á cidadanía. Trátase dunha forma de corresponder a solidariedade que demostra a cadea mar-industria, igual que fixo durante o estado de alarma derivado da alerta sanitaria da covid-19, engadiu.
Ademais, Rosa Quintana sinalou que as feiras como Alimentaria Barcelona, que se celebra desde onte e ata este xoves 7 de abril, son citas clave para difundir o bo facer do sector marítimo-pesqueiro e a calidade dos produtos do mar de Galicia co obxectivo de buscar novos mercados e aumentar a súa competitividade. Neste sentido, sinalou que este ano a Xunta levará a campaña GALICIA SABE AMAR a máis dunha decena de feiras nacionais e internacionais.
Alimentaria 2022
Barcelona Alimentaria é un evento internacional de referencia para os profesionais das industrias da alimentación e das bebidas, así como da restauración e da hostalaría, onde se pon de relevo a innovación e as últimas tendencias destes sectores. Nesa liña, esta edición que se celebra na cidade condal ata o 7 de abril conta co novo salón Alimentaria Trends, que aunará nun mesmo espazo áreas dedicadas en exclusiva aos alimentos delicatessen, orgánicos ou libres de alérxenos e doutros compoñentes. Con esta edición reactívase este evento bienal despois de suspenderse a edición de 2020 debido á situación derivada da pandemia.
A Consellería do Mar está presente neste evento cun posto que conta con 460 metros cadrados de superficie de zona expositiva e que alberga a 26 empresas. Hoxe pola tarde terá lugar neste espazo a degustación de conservas de peixes e mariscos que se realizará en colaboración con Anfaco-Cecopesca e no marco do convenio que asinan anualmente ambas partes.
Pola súa banda, a Consellería do Medio Rural apoia a 24 entidades do ámbito agroalimentario distribuídas en diferentes pavillóns da feira. O apartado dedicado ás experiencias de calidade galegas conta coa participación dos consellos reguladores das distintas denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, así como de coñecidos cociñeiros da comunidade galega.