Por primeira vez en Galicia, os profesionais de fisioterapia poderán recibir, a través de XIDE, consultas a demanda solicitadas directamente pola poboación

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, mantén unha reunión co presidente do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia e co grupo de traballo encargado de definir os motivos de consulta susceptibles de ser atendidos por este colectivo

O Sistema de xestión integrada da demanda en equipo está instalado, actualmente, en sete servizos de atención primaria e leva rexistradas máis de 29.500 citas

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2022
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, vén de manter, no día de onte, unha reunión co presidente do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia, Gustavo Paseiro Ares, para presentarlle o Sistema de xestión integrada da demanda en equipo (XIDE); e co grupo de traballo encargado de definir os motivos de consulta susceptibles de ser atendidos por este colectivo a través da plataforma.
Así, Galicia convértese nunha comunidade autónoma pioneira en incorporar a fisioterapia dentro do equipo integral de xestión da consulta a demanda en atención primaria e en dar resposta, deste xeito, a unha petición histórica deste colectivo. E é que o XIDE vai posibilitar que, para determinados motivos clínicos, estes profesionais poidan atender en primeira instancia a demanda dun paciente.
Tal e como se abordou, ata o de agora, os fisioterapeutas atendían os doentes derivados por outros profesionais, principalmente, polo médico de familia ou polo médico rehabilitador de atención hospitalaria. Coa incorporación desta categoría ao XIDE, os pacientes poderán ter acceso –dentro dos parámetros incluídos no sistema- a unha consulta co fisioterapeuta sen a intermediación doutro profesional. Así mesmo e no caso de que fose necesario, estes poderán derivar pacientes aos outros colectivos que formen parte do equipo do servizo.

Profesionais de todas as áreas sanitarias

O grupo de traballo está composto por profesionais de fisioterapia dos servizos de atención primaria de cada unha das áreas sanitarias. Entre as primeiras accións que se levarán a cabo está a de identificar, entre os motivos de consulta xa agregados no sistema, aqueles susceptibles de ser atendidos por este colectivo; ademais de definir outros novos. Actualmente, o XIDE ten rexistrados máis de 500, que son a través dos que se determina o tempo de atención –inmediata, no día ou ordinaria-, a modalidade
–presencial ou telefónica- e a categoría profesional.
De xeito paralelo, e co fin de garantir que o desenvolvemento desta iniciativa sexa un éxito, este equipo fixará os criterios de calidade para o deseño das súas axendas de traballo. O obxectivo é garantir unha atención ordenada e homoxénea en todos os servizos de atención primaria de Galicia e garantir, en todo momento, que os tempos de derivación de atención hospitalaria e primaria se manteñan, ao igual que se mellora a accesibilidade do paciente ao centro de saúde.
Na xuntanza, tamén participaron o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Flores, e a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Estrella López-Pardo.

XIDE, un modelo organizativo pioneiro en España

Este modelo organizativo pioneiro en todo o Sistema Nacional de Saúde, posto en marcha, a finais do ano pasado, como unha iniciativa piloto nos servizos de atención primaria de Culleredo (A Coruña) e Illas Canarias (Lugo), está operativo xa para toda a poboación adulta e pediátrica. Ata o un de abril, o número de citas rexistradas a través deste sistema superaba a cifra de 29.500.
O XIDE está instalado en sete servizos de atención primaria. Ademais dos centros de Culleredo e Illas Canarias –que serviron da pilotaxe inicial desta iniciativa-, en Elviña, Os Mallos, Santa Comba, Silleda e Valga. A eles sumaranse 37 máis, co fin de acadar, este mesmo ano, a súa implantación nun total de 42.
O titular da carteira sanitaria avanzou que, esta mesma semana, comezará o curso de formación telemática, impartido pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), destinado a todo o persoal do Servizo Galego de Saúde.
Para rematar, García Comesaña salientou o compromiso da Xunta con esta categoría profesional. Así, ao abeiro do Plan galego de atención primaria 2019-2021, téñense adoptado solucións para reforzar o seu papel neste nivel asistencial, como foi a creación de novas prazas de fisioterapia, que neste período, acadou un total de 40.

Imaxes relacionadas
Sanidade
Departamento: C. de Sanidade