A Comisión Superior de Urbanismo avala a ampliación do Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela

Este proxecto tramitarase en base á Lei 3/2016 de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese

O proxecto contará cun investimento de 68,4 millóns de euros e suporá un crecemento de 30.000 m2, o que significa case un 30% máis de superficie
 

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2022.- A Comisión Superior de Urbanismo avalou o proxecto de ampliación do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS). Esta iniciativa estase a tramitar ao abeiro da Lei 3/2016, de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese, ao igual que a ampliación do complexo administrativo de San Caetano.

A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, presidiu onte a reunión da Comisión Superior de Urbanismo e sinalou que esta iniciativa autonómica conta cos informes favorables correspondentes, solicitados pola Dirección Xeral a comezos deste ano, tanto a departamentos da Xunta como estatais.

Así, co visto e prace deste organismo, garántese a viabilidade urbanística da actuación pretendida, último paso previo á súa aprobación polo Consello da Xunta, que blindará o seu ordenamento e habilitará a súa construción.

Segundo a Consellería de Sanidade, o proxecto de ampliación do Hospital de Santiago suporá un crecemento de 30.000 m2, o que significa case un 30% máis de superficie para este centro sanitario, que medrará en dous dos seus tres edificios.

O presuposto do proxecto de execución desta obra é de 68,4 millóns de euros e será unha ampliación cunha incidencia directa no laboratorio de microbioloxía, na área de autopsias, na área de urxencias e, particularmente, nas urxencias pediátricas, nas áreas de endoscopias, nos bloques cirúrxicos, nas unidades de hospitalización, no hospital de día e noutras unidades como mama, neumoloxía, alerxia, dor, anestesia ou cirurxía plástica e maxilofacial.

Deste xeito, poñerase a disposición dos veciños da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza un hospital máis preparado para afrontar a demanda das vindeiras décadas e seguir sumando servizos.
 

Imaxes relacionadas