O Plan de saúde mental da Xunta permitirá incrementar en tres anos un 25% o número de prazas concertadas en entidades sociais do eido da saúde mental

O director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas visita o novo centro de rehabilitación psicosocial e laboral para persoas con trastorno mental grave da Asociación ‘A Mariña’, en Viveiro, no que a Xunta financia 20 prazas

Ao abeiro deste plan, esta área sanitaria conta xa cunha nova unidade de prevención do suicidio e con psicólogos clínicos de enlace de primaria e hospitalaria; e este ano estará en funcionamento o hospital de día infanto-xuvenil

Viveiro, 8 de abril de 2022
Compartir
  • whatsapp

O director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Jorge Aboal Viñas, e o delegado territorial da Xunta na provincia de Lugo, Javier Arias Fouz, visitaron, esta mañá, o novo centro de rehabilitación psicosocial e laboral para persoas con trastorno mental grave da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental ‘A Mariña’, en Viveiro, no que a Xunta de Galicia concerta 20 prazas.
O centro, que se puxo en marcha o pasado 1 de abril, conta cun taller ocupacional, dúas aulas polivalentes e unha de terapia grupal. Nel prestarase unha asistencia continuada ás persoas con enfermidade mental persistente, co fin de axudarlles a ter a mellor integración social posible; así como ás súas familias. Unha labor, tal e como remarcou Jorge Aboal, fundamental para o proceso de recuperación destes pacientes.
Na xuntanza, tamén estiveron presentes o xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares; a xefa do servizo de saúde mental do Sergas, María Tajes; e o presidente da asociación A Mariña, Jorge Manchado Rivero.

O plan galego de saúde mental

O director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas recordou que, ao abeiro do Plan galego de saúde mental poscovid, a Xunta de Galicia ten previsto superar as 1.500 prazas financiadas en pisos protexidos, centros residenciais e de rehabilitación psicosocial; o que suporá aumentar o número nun 25% en tres anos. Asemade, apuntou que os orzamentos do Executivo galego para este ano reservan 8,1 millóns de euros para o financiamento de prazas concertadas con entidades de saúde mental, un 30% máis con respecto a 2020, data de inicio do plan.
O plan de saúde mental de Galicia, que conta cun orzamento de 83 millóns de euros, permitiu, neste tempo, estender a rede de unidades de atención á saúde mental na sanidade pública galega. Así, en concreto nesta área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, púxose en marcha unha unidade de prevención do suicidio e cóntase con psicólogos clínicos de enlace de primaria e hospitalaria. E este mesmo ano porase en funcionamento un hospital de día infanto-xuvenil en Lugo.
Do mesmo xeito, desde o ano 2000, a través do plan, contratáronse a máis de 100 novos profesionais, o que, nesta área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, se concretou en 12 novos profesionais –catro psiquiatras, catro psicólogos clínicos, tres enfermeiros especialistas e un traballador social-. Segundo avanzou Jorge Aboal, queda pendente aínda de cubrir unha praza máis de enfermería especialista.

Máis de 200 prazas financiadas na área de Lugo

Tal e como sinalou Jorge Aboal, nesta área sanitaria, o Sergas presta servizos de atención sanitaria ás persoas que padecen trastorno mental persistente a través de concerto social en 13 unidades de apoio comunitario –unha unidade residencial, seis centros de rehabilitación psicosocial e laboral e seis pisos protexidos-; as cales supoñen un total de 215 prazas financiadas.
No que que a Asociación de Axuda ao Enfermo Mental ‘A Mariña’ se refire, en 2020, recibiu axuda do Goberno galego para o equipamento do centro de rehabilitación psicosocial e laboral de Burela.

Imaxes relacionadas
Sanidade
Departamento: C. de Sanidade