O conselleiro de Facenda e Administración Pública subliña a importancia dos fondos Next Generation para modernizar e transformar a economía galega

Miguel Corgos participou no II Foro Económico Español Wake Up Spain!

Madrid, 8 de abril de 2021
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos subliñou hoxe a importancia dos fondos Next Generation procedentes de Europa para modernizar e transformar a economía galega.

O conselleiro, que participou no II Foro Económico Español Wake Up Spain!, fixo fincapé en que a xestión útil destes fondos será determinante para recuperar e transformar a economía galega cara á innovación, a sostibilidade e a dixitalización.

Para isto, a comunidade conta cunha candidatura ambiciosa que inclúe proxectos tractores elaborados en colaboración co tecido produtivo. Neste sentido, Galicia segue impulsando a cooperación público-privada, pois é a fórmula que pode dar maior alcance aos proxectos que a comunidade quere desenvolver e ao mesmo tempo garante que eses fondos chegan ata o groso do tecido empresarial galego composto maioritariamente por pequenas e medianas empresas.

Plan Estratéxico 2022-2030

Miguel Corgos tamén fixo alusión á recente aprobación do Plan Estratéxico 2022-2030 como ferramenta útil de planificación. Hai que lembrar que a Xunta foi pioneira en someter as súas actuacións á planificación e que este é xa o terceiro Plan estratéxico aprobado tras o de 2010-2014 e o de 2015-2020.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública sinalou que un dos cinco eixes do Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030 é o da gobernanza, e dentro deste subliñou a importancia dos recursos humanos e da dixitalización.

Neste marco, explicou que entre as prioridades de actuación deste eixe están a mellora e modernización dos sistemas e a xestión dos datos para lograr unha organización pública que traballe en rede; a prestación duns servizos públicos aos cidadáns que sexan accesibles, sinxelos e áxiles; e finalmente o reto de traballar na dixitalización como servizo nalgúns ámbitos sectoriais como a sanidade, as políticas sociais ou a educación.