A Consellería de Sanidade participa no lanzamento do proxecto Tartaglia de creación dunha rede federada para acelerar a aplicación de intelixencia artificial nos sistemas de atención sanitaria
O proxecto conta cun orzamento total de máis de 7,5 millóns de euros financiados a través da Unión Europea con fondos NextGenerationEU
Un total de 17 entidades forman parte do proxecto, que obtivo a maior puntuación de entre todos os presentados á convocatoria de Misións de I+D en Intelixencia Artificial
A Consellería de Sanidade, a través da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), participa no proxecto TARTAGLIA para a creación dunha rede federada de intelixencia artificial co obxecto de acelerar a investigación sanitaria. O proxecto, cun orzamento de máis de 7,5 millóns de euros, enmárcase en dentro do Programa Misións de I+D en Intelixencia Artificial, da Axenda España Dixital 2025 e da Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial, financiado pola Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU.
O obxectivo principal de TARTAGLIA é facilitar e fomentar a investigación clínica e sanitaria. Os datos clínicos das persoas son dos máis críticos e sensibles e o seu uso para a creación de modelos de Intelixencia Artificial está moi limitado polas restricións regulatorias, administrativas, de seguridade e privacidade. Existen outros sectores que se beneficiarán da tecnoloxía (banca, turismo, servizos, transporte, etc.), pero o maior impacto social e económico é no sector Saúde.
A aplicación desta tecnoloxía nunha contorna relevante permitirá posicionar a tecnoloxía máis preto do seu obxectivo final, que é a comercialización. O proxecto conta coa participación de varias organizacións nacionais de saúde, entre elas axencias e institutos asociados a hospitais así como os servizos autonómicos de saúde de Galicia, Canarias e A Rioxa. As 17 entidades que conforman o proxecto son:
GMV
Accexible Impacto SL
Barcelona Supercomputing Center - Centro Nacional de Supercomputación
Dasel SL
Fundació ACE, Institut Català de Neurociències Aplicais
Fundación para o Fomento da Investigación Sanitaria e Biomédica da Comunitat Valenciana
Fundación Canaria Instituto de Investigación Sanitaria de Canarias
Fundació TIC Salut Social
Fundación para a investigación do Hospital Universitario e Politécnico A Fe-Comunidade Valenciana
Fundación Rioxa Saúde
Opinno
Pixelabs SL
Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS)
Universidade Complutense de Madrid
PricewaterhouseCoopers Asesores de Negocios SL
Fundació Hospital Universitari Vall D' Hebron Institut de Recera
Veratech for Health, SL
No evento de lanzamento do proxecto, celebrado este pasado xoves, día 7, en Madrid, no que abordáronse as oito liñas de investigación do proxecto, así como aspectos organizativos, administrativos e legais do mesmo, participaron representantes da Subdirección Xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información da Consellería de Sanidade, así como da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS)
Programa Misións de I+D en Intelixencia Artificial
A iniciativa Misións de I+D en Intelixencia Artificial 2021, forma parte da axenda España Dixital 2025, da Estratexia Nacional de Intelixencia Dixital. O programa está xestionado pola Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial.
Os cinco sectores estratéxicos nos que deben enmarcarse os proxectos para formar parte do programa e recibir o financiamento son agricultura, saúde, medio ambiente, emprego e enerxía do século XXI. Respecto á saúde, búscase a creación dun sistema intelixente de análise de datos que permitan anticipar e actuar de maneira temperá e ultra rápida ante as principais enfermidades físicas e psicolóxicas en 2050, no contexto da descentralización do sistema de saúde e o envellecemento.
A través do programa Misións de I+D en Intelixencia Artificial, fináncianse proxectos que se presenten na modalidade de cooperación, é dicir, deberán formar parte do consorcio polo menos, unha gran empresa, un organismo de investigación e difusión de coñecemento e cinco pemes. As axudas destinaranse a proxectos tanto de baixa madurez tecnolóxica (coñecidos como de investigación industrial) como de madurez tecnolóxica media (de desenvolvemento experimental). Os proxectos teñen unha duración máxima ata o 31 de decembro de 2024.
Entre os criterios de valoración do programa faise fincapé no impacto de cada proxecto atendendo a factores como a redución da fenda de xénero no ámbito da IA, a vertebración territorial do país, a participación das pemes como entidades finais que participen nos casos de uso, a transición ecolóxica, a difusión de resultados e coñecementos ou o emprego xerado.
O proxecto TARTAGLIA recibiu financiamento do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, correspondente aos fondos do Plan de Recuperación, Resiliencia e Transformación.