O DOG publica a ampliación ata os 4,7M€ das axudas ao lecer nocturno polos peches de fin de ano para que cheguen a todos os negocios que cumpren requisitos
A Consellería de Emprego e Igualdade engadiu 1,2M€ á partida inicial de 3,5M€ para achegar as axudas, que poden ir dos 2.500 aos 45.000 euros, aos establecementos que cumpran coas condicións da orde
Os apoios directos están dirixidos aos negocios que optaron polo peche optativo entre o 31 de decembro e o 3 de xaneiro pasados
A día de hoxe concedéronse xa pagamentos a 479 empresas e aspírase a superar os 600 con esta ampliación
O Diario Oficial de Galicia ' title='https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220426/AnuncioG0599-220422-0002_gl.html">'>https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220426/AnuncioG0599-220422-0002_gl.html">publica hoxe a ampliación, ata os 4,7 millóns de euros, das axudas extraordinarias dirixidas aos titulares dos negocios de lecer nocturno que optaron por pechar os seus establecementos o pasado fin de ano, co obxecto de poder atender todas as peticións que cumpran cos requisitos previstos na orde publicada o pasado febreiro.
A Consellería de Emprego e Igualdade engade 1,2 millóns á partida inicial de 3,5 millóns, co obxecto de compensar as perdas destes establecementos ocasionadas polo peche opcional proposto polas autoridades sanitarias o pasado Fin de Ano para evitar a propagación do coronavirus. A extensión do orzamento non afecta aos prazos nin ás solicitudes xa realizadas, que seguirán o seu curso ordinario e recibirán, de cumprir cos requisitos, os pagamentos das axudas directas que lles correspondan.
Ao día de hoxe recibiron axudas un total de 479 empresas. A Xunta estima superar as 600, entre discotecas, pubs, cafés-espectáculo e salas de festas e de concertos. Os apoios estanse a financiar con fondos REACT-UE no marco do Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.
Os apoios acadan contías que varían en función da superficie dos establecementos: 2.500 euros se teñen de menos de 100 metros cadrados; 5.500 euros para os que teñan entre 100 a 250 metros cadrados; 9.000 euros para os de 250 a 500 metros; 14.000 nos que conten cunha superficie entre 500 e 700 metros; 27.000 euros naqueles que teñan de 700 a 2.000 metros; e un total de 45.000 euros para os grandes establecementos, con máis de 2.000 metros cadrados.
A situación pandémica, agravada en decembro de 2021 pola velocidade da propagación, obrigou ás autoridades sanitarias galegas a artellar medidas extraordinarias para minimizar o impacto económico e apoiar o mantemento do emprego nunha das actividades máis afectadas, os establecementos de lecer nocturno.
Por este motivo deseñouse un programa extraordinario de axudas para os negocios que optaron por acollerse á suspensión da actividade sen ter adiantado ou atrasado as festas e eventos previstos nesas datas, que agora se queren facer chegar a todos os negocios que cumpriron cos requisitos esixidos, grazas á ampliación do presuposto hoxe publicada no Diario Oficial de Galicia.