A conselleira do Mar acompañou a alumnas e alumnos do CEIP Plurilingüe Pepe de Xan Baña de Santa Comba ao Museo do Mar de Laxe

Preto de 6.000 escolares galegos coñeceron o pasado ano os beneficios de consumir produtos do mar a través da iniciativa ‘Ti si que es un bo peixe’

Esta acción, dirixida a nenas e nenos de entre 3 e 14 anos, pretende difundir de xeito ameno coñecementos sobre as distintas especies de peixes e mariscos e as súas propiedades nutricionais

As iniciativas deste tipo postas en marcha polo Executivo galego chegaron a máis de 150.000 rapazas e rapaces de toda Galicia desde os seus inicios en 2010

Rosa Quintana destacou que estas campañas axudan a incrementar a demanda de produtos frescos da pesca e acuicultura así como o seu prezo, o que contribúe a compensar os esforzos que está a realizar a frota ante o encarecemento da enerxía e das materias primas
 

Laxe (A Coruña), 27 de abril de 2022

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, salientou hoxe a importancia de fomentar entre os máis cativos o consumo de produtos da pesca e a acuicultura galegas. Así o destacou esta mañá no Museo do Mar de Laxe nunha visita enmarcada dentro da campaña da Xunta de Galicia Ti si que es un bo peixe e na que participaron medio cento de escolares do CEIP Plurilingüe Pepe de Xan Baña, de Santa Comba, que previamente comprobaron a actividade que se desenvolve no porto e na lonxa locais.

Máis de 5.700 escolares de entre 3 e 14 anos puideron coñecer en 2021 a través desta acción e de xeito ameno as distintas especies de peixes e mariscos que captura a frota galega e as súas propiedades nutricionais. Trátase dunha campaña posta en marcha o pasado curso para renovar a iniciativa O sabor da aventura está no mar, que entre 2010 e 2020 chegou a máis de 82.100 nenas e nenos.

A esta acción da Consellería do Mar engádese Fai click ao teu bocata, que substituíu a Ponlle as pilas ao teu bocata, co obxectivo de promover o consumo de conservas de produtos do mar entre a poboación máis nova e de ensinarlle a empregalas como base de receitas sinxelas. Estas dúas campañas chegaron a máis de 150.000 escolares de toda Galicia desde os seus inicios en 2010.

Deste xeito, tal e como explicou Rosa Quintana, o obxectivo principal do Executivo autonómico é que os máis pequenos se acostumen a comer produtos do mar favorecendo así un aumento da súa demanda e, ao mesmo tempo, dos seus prezos. Así, indicou a titular de Mar, contribúese a compensar os esforzos que está a realizar a frota galega actualmente para abastecer de alimento á cidadanía ante o encarecemento da enerxía e das materias primas.

Ti si que es un bo peixe forma parte da campaña máis ampla da Xunta GALICIA SABE AMAR, coa que o Executivo galego pretende impulsar o consumo de peixes e mariscos entre a cidadanía e difundir a gran variedade de produtos da máxima calidade que o complexo mar-industria de Galicia pon a disposición dos consumidores.

Unha xornada mariñeira

As actividades realizadas hoxe en Laxe enmarcadas dentro de Ti si que es un bo peixe, nas que participaron as alumnas e alumnos do CEIP Plurilingüe Pepe de Xan Baña, serviron para que puidesen coñecer no porto os distintos tipos de embarcacións, artes de pesca e especies que se capturan. Tamén visitaron a lonxa local, onde comprobaron como é o proceso de primeira venda dos produtos pesqueiros e marisqueiros, como se celebra unha poxa e a importancia do etiquetado.

A visita ao Museo do Mar serviulles como aproximación á historia e costumes das xentes da Costa da Morte a través de diferentes maquetas, fotos, vídeos e mapas, entre outros. Antes de rematar a xornada, entregóuselles a cada escolar unha bolsa con preparacións realizadas a base de peixe e os monitores realizaron unha pequena explicación sobre as súas propiedades nutricionais.

Imaxes relacionadas