A Xunta informa das axudas autonómicas ao tecido empresarial na I Feira de Emprego e Talento de Lugo

O delegado territorial, Javier Arias, explicou na inauguración que no último quinquenio este organismo autonómico concedeu a empresas da capital 9,5 millóns de euros en axudas e 2 millóns en avais

Lugo, 5 de maio de 2022

A Xunta de Galicia informa das axudas autonómicas ao tecido empresarial nun posto informativo instalado na I Feira de emprego e talento que organiza a Asociación de Empresarios dos Polígonos de O Ceao e As Gándaras, que preside Francisco Dorado; estará atendido por técnicos do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

 

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou na inauguración da feira, que se desenvolve durante toda a xornada con charlas e mesas redondas nas que intervirán distintos representantes autonómicos, entre eles Elena Mancha, directora xeral de Relacións Laborais, e María Xosé Mariño, directora da Área de Centros da Axencia Galega de Innovación.

 

Arias subliñou o traballo da Xunta a prol da ampliación e modernización do tecido empresarial lucense, con axudas ao emprendemento, expansión, dixitalización ou á internacionalización das empresas a través de organismos como a Axencia Galega da Innovación ou o propio Igape.

 

Neste sentido, indicou que nos últimos cinco anos o Igape resolveu máis de 1000 solicitudes de empresas da capital nas distintas liñas de axuda que convoca, que se traduciron en achegas por valor de 9,5 millóns de euros e avais por importe de 2 millóns; o investimento apoiado ascendeu a 37,7 millóns de euros e os préstamos incentivables a 12,7 millóns. “As cifras -afirmou Arias- revelan o esforzo dos empresarios lucenses por emprender novos negocios, crecer e ser máis competitivos”.

 

O delegado tamén fixo referencia á ampliación do polígono das Gándaras, que vai xa pola terceira fase grazas a un orzamento da Xunta de 3,3 millóns de euros nos últimos tres anos. Lembrou que se celebraron diversas reunións cos representantes dos empresarios para recoller as súas suxestións na urbanización dos 150.000 metros cadrados de solo que se gañaron. Igualmente, explicou que a Xunta bonifica o 50% do prezo das parcelas deste parque, unha medida que dende o 2015 supuxo un aforro total de 13,8 millóns de euros para os empresarios que se instalaron na zona.

 

Arias afirmou que “atraer investimentos é unha das prioridades que orientan a política económica da Xunta”, e neste sentido aludiu ao “impacto positivo que terá a futura instalación de Altri en Palas de Rei sobre os municipios da contorna, e en xeral sobre toda a provincia, dado que contribuirá a xerar valor en toda a cadea forestal”.

Imaxes relacionadas