A Xunta financia a través de Investigo 480 contratos de menores de 30 anos desempregados en 65 centros de investigación públicos e privados sen ánimo de lucro

O Goberno galego vén de resolver a convocatoria deste ano deste novo programa ao que destina 13,1 millóns de euros

Mediante estas axudas sufráganse os custos laborais de mozos e mozas desempregados contratados polos organismos de investigación durante doce meses e a xornada completa

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2022 A Xunta, a través do programa Investigo, financiará 480 contratos de menores de 30 anos desempregados en 65 centros e empresas que desenvolven a súa actividade no campo da investigación, a tecnoloxía e a innovación. Grazas a esta iniciativa autonómica, os mozos e mozas obterán un contrato de doce meses e xornada completa. O Goberno galego vén de resolver a convocatoria deste ano deste programa que se pon en marcha por primeira vez cun investimento que supera os 13,1 millóns de euros.

Ás axudas accederon organismos de investigación e difusión de coñecementos, universidades públicas, centros tecnolóxicos, parques científicos, entidades públicas e privadas sen ánimo de lucro e empresas que estean a investir en investigación e innovación. O Goberno galego sufraga a través dos apoios os custos laborais e salariais das persoas que incorporen aos postos de traballo.

Priorizáronse as ocupacións referidas á sanidade, transición ecolóxica e economía verde, así como as relacionadas con servizos de dixitalización e big data e proxectos de investigación no ámbito da cultura, as áreas sociais ou as artes.

Con esta medida, a Xunta segue a propiciar a inserción laboral das persoas mozas, mellorando a súa cualificación e outorgándolles a posibilidade de desenvolverse profesionalmente en ocupacións con alta demanda como o emprego verde e as contornas dixitais.

O programa forma parte dun plan máis amplo, o Emprega Xuventude, que a Xunta promove en 2022 con actuacións para o emprego dirixidas especificamente ás persoas máis novas e dotado cun total de 51,8 millóns de euros. Nace como nova iniciativa para apoiar a contratación e a formación da mocidade galega. No marco do mesmo, ademais de potenciarse as vocacións científicas por medio do programa Investigo, está a desenvolverse, entre outros, a iniciativa Primeira experiencia profesional nas administracións (con 11,2 millóns de euros) e Talento 30 (con 12,2 millóns de orzamento).

O Plan Emprega Xuventude dá continuidade a outros programas autonómicos como os obradoiros de emprego xuvenís que combinan formación e contratación ou a liña específica para a xuventude do programa Galicia Emprega coa que se prevé contratar en 2022 a 350 mozos e mozas na empresa.

Imaxes relacionadas