Rosa Quintana enxalza o libro ‘Contos da beiramar’ polo seu labor de recollida do patrimonio marítimo inmaterial a través de vivencias cotiáns
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe na presentación do libro Contos da beiramar, de Fernando Fernández Domonte, na Casa de Galicia en Madrid co gallo da celebración do Día das Letras Galegas 2022. Unha cita na que a responsable autonómica destacou o labor de recollida do patrimonio marítimo inmaterial realizado polo xornalista con ampla experiencia no ámbito marítimo-pesqueiro e a súa participación na elaboración de proxectos, informes e normativa vencellada co mar durante as máis de dúas décadas que traballou na Xunta en departamentos relacionados con este campo.
A través de 14 relatos onde a ficción e realidade se mesturan, Contos de beiramar expón vivencias cotiáns e episodios singulares protagonizados por xente vencellada co mar como mariscadoras, mariñeiros, funcionarios, persoal das confrarías de pescadores ou taberneiros. Uns contos que, tal e como apuntou Rosa Quintana, constitúen un tesouro inmaterial das experiencias da xente do mar que agora queda reflexado neste libro despois de pasar duns a outros.