A Xunta apoia con 50.000 euros o funcionamento da casa de acollida a vítimas de violencia de xénero da Coruña que atendeu en 2021 a 31 mulleres e 21 menores
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, referendaron hoxe o convenio para garantir a operatividade deste recurso de atención directa ás vítimas
Desde o ano 2009 pasaron pola casa de acollida herculina máis de 700 persoas
A Coruña, 18 de maio de 2022.- A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, asinaron hoxe o convenio para garantir o mantemento do centro de acollida para a atención a mulleres vítimas de violencia de xénero da Coruña que o ano pasado prestou servizo a 31 mulleres e 21 menores de idade.
Grazas a este marco de colaboración, a Xunta aportará 50.000 euros que garantirán a operatividade do recurso que, na actualidade conta con 15 prazas e no que traballan 9 profesionais. Hoxe serve de refuxio a 6 mulleres usuarias e 3 menores.
O centro da Coruña forma parte da Rede Galega de Acollemento, que ofrece estes recursos especializados e residencias temporais ás vítimas da violencia de xénero para atendelas e avanzar na súa recuperación e na das e dos menores ao seu cargo. Son todas elas, dixo a conselleira, “persoas que requiren un espazo de protección pola situación de indefensión ou risco causada pola violencia de xénero e que lles garantirá un tratamento integral, que abrangue aspectos psicolóxicos, educativos, sociolaborais e xurídicos”.
A Rede está integrada na actualidade por tres casas de acollida -esta da Coruña, a de Ferrol e a de Ourense-, tres vivendas tuteladas -en Lugo, Burela e Chantada- e un centro de emerxencia, situado en Vigo. En total ofrécense 84 prazas temporais de acollida ás mulleres e ás súas fillas e fillos.
Para Lorenzana este recurso “é efectivo e útil para as mulleres vítimas”, algo que reflicten os datos: desde o ano 2009, un total de 3.274 persoas (1.799 mulleres e 1.475 menores) pasaron polos recursos de acollemento dos que dispón Galicia e aos que a Xunta destinou xa 4,8 millóns de euros. Só o de A Coruña, neste tempo, atendeu a 725 persoas (417 mulleres e 308 nenas e nenos).
Durante a súa intervención, Lorenzana quixo lembrar a Clotilde, a muller galega presuntamente asasinada a mans do seu marido a semana pasada en Tenerife. “A ela, e a todas as vítimas da violencia de xénero recordámolas hoxe e dicímoslle, unha vez máis, que non están soas, e que a súa disposición hai infinitos recursos para rachar con ese círculo de violencia, como é esta casa de acollida”, afirmou.
“A pesar de todos os esforzos económicos e institucionais, de todos os recursos e servizos postos á disposición, de todos os profesionais amplamente formados e de axudas de todo tipo articuladas para as vítimas, moi tristemente aínda non fomos capaces de rematar cos atentados machistas, o maltrato e a agresión a mulleres polo simple feito de selo, nin conseguimos erradicar dunha vez por todas esta lacra que aínda segue a tinguir de loito a nosa sociedade”, dixo a conselleira, quen destacou a necesidade de “seguir mantendo e dotando de mais apoios a loita contra a violencia de xénero”.