Medio Ambiente completa a renovación dos uniformes dos máis de 130 axentes adscritos á Consellería

Ángeles Vázquez subliña o “labor decisivo” que realiza este colectivo, como garantes da biodiversidade e do patrimonio natural que constitúen o sinal de identidade de Galicia

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2022

A Xunta de Galicia renovará os uniformes dos máis de 130 axentes medioambientais adscritos á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que recibirán un lote individual integrado por un total de 19 prendas, tanto de verán como de inverno.

 

En concreto, nos vindeiros días entregaráselle a cada funcionario un anorak, unha chaqueta de softshell, un forro térmico e un cubrepantalón, ademais de dous xerseis, unha chaqueta de verán, tres conxuntos integrados por un polo de verán e outro de inverno, e tres pantalóns para cada unha das estacións.

 

Durante un acto de entrega simbólico celebrado esta mañá en Santiago e que contou coa participación de seis axentes e dos xefes territoriais da Coruña, Lugo e Ourense, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, explicou que, deste xeito, se completa a renovación do vestiario iniciada o ano pasado, cando todos os efectivos adscritos ao departamento autonómico recibiron un novo par de botas.

 

Nesta liña, a responsable autonómica subliñou a importancia de garantir aos axentes medioambientais unha uniformidade homoxénea e renovada, xa que é a que permite identificar a simple vista a un colectivo “clave” para a Comunidade. Así, destacou o “labor decisivo” que realizan no seu día a día como “garantes” da biodiversidade e do patrimonio natural que constitúen o sinal de identidade da Galicia verde.

 

En total, o departamento autonómico destinou preto de 210.000 euros á adquisición de 139 lotes de roupa e calzado, que servirán para renovar a uniformidade de verán e de inverno de todo o persoal que actualmente integra este corpo.

Imaxes relacionadas