A Xunta leva investidos máis de 21M€ en material aos servizos de emerxencias da comunidade

O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, fixo entrega hoxe de cadanseu camión de emerxencias Bomba Rural Pesada (BRP) aos GES de Muros e Ortigueira destinados a intervencións en incendios urbanos, forestais e industriais

A Coruña, 1 de xuño de 2022.- O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, fixo entrega hoxe de dous camións Bomba Rural Pesada (BRP) aos Grupos de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Muros e Ortigueira, dotando así de equipamento a estes grupos coa finalidade de mellorar a eficacia nas súas intervencións e garantir a seguridade dos profesionais que o integran para que poidan realizar o seu traballo nas mellores condicións.

No acto tamén participaron o director o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, e os delegados territoirais da Xunta na Coruña e Ferrol, Gonzalo Trenor e Martina Aneiros, respectivamente.

Os novos vehículos dispoñen de tracción integral 4x4 e están totalmente equipados para acceder a todo tipo de zonas e intervir en incendios urbanos, forestais ou industriais. Por tanto, están adaptados para calquera actuación tanto en áreas urbanas como do rural. Ademais, contan cunha cisterna de auga de máis 3.000 litros de capacidade e unha bomba centrífuga con presión combinada, o que permite o lanzamento de auga en baixa e alta presión ou ambas de forma simultánea.

 

Deste xeito, contribuirán a mellorar a atención das emerxencias nos concellos de Muros, Carnota, Mazaricos e Outes no caso do GES da zona Muros-Xallas e da zona Ortegal e Ferrol no caso do GES de Ortigueira que tamén cubre este municipio e os de Cariño, Cedeira, Cerdido, Mañón, Moeche e As Somozas.

 

Diego Calvo destacou a importancia de dotar aos servizos de emerxencias do material de emerxencias necesario para a redución de riscos. Neste caso, contarán cuns vehículos que permitan desenvolver e levar a cabo as súas funcións coa mellor eficiencia posible.  

 

Nesta liña, tamén solicitou a implicación de todas administracións na dotación de equipamento aos servizos de emerxencia correspondendo ao traballo que desempeñan cada día para velar pola seguridade dos seus veciños.

 

Aínda que se trata dunha competencia local -dos concellos de máis de 20.000 habitantes e das deputacións provinciais nas de menor poboación-, a Xunta colabora no funcionamento dos GES desde a súa creación en 2013 asumindo máis da metade do seu custo anual.

A Administración autonómica tamén realizou nos últimos anos un importante esforzo para reforzar o equipamento dos servizos de emerxencias dos municipios –tanto os GES como as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC)- cun investimento de máis de 21 millóns de euros. En concreto, 11 millóns para as AVPC e outros 7 millóns para os GES aos que se suman outros 1,5 millóns en distinto material para 15 grupos, incluídos 4 camións de emerxencias, entre eles os dous cedidos aos GES de Muros e Ortigueira.

O Goberno galego destaca a importancia da labor dos GES na prevención dos lumes e como complemento aos servizos de emerxencias na súa extinción, Así, apoia tamén aos GES na dotación equipamento de emerxencias, con entregas como a de hoxe.

 

Ademais de apoiar aos servizos de emerxencia da comunidade, tanto na dotación de equipamento como no seu funcionamento, contribúe á súa formación desde a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).

Imaxes relacionadas