O proxecto Innovatrial destinado ao desenvolvemento dunha plataforma que integre a investigación clínica coa actividade asistencial do sistema sanitario galego terá un presuposto de 12 millóns de euros

Esta iniciativa, que conta coa participación da Consellería de Sanidade, será licitada no primeiro semestre deste ano

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2022

A Consellería de Sanidade vén de subscribir a modificación do convenio entre o Ministerio de Ciencia e Innovación e o Sergas, para o proxecto Innovatrial, iniciativa que ten como obxectivo o desenvolvemento dunha plataforma de integración da investigación clínica coa actividade asistencial que se realiza en Galicia. Isto supón, o incremento do orzamento previsto para a licitación, que pasa de 6 millóns de euros a 12,1 millóns, e que será financiado polos fondos Next Generation EU do Mecanismo de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Tamén supón a ampliación do prazo de execución do proxecto ata decembro de 2025.

 

O Sergas e o Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI), dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación, asinaron unha addenda de modificación do convenio do ano 2020, para a xestión do proxecto Innovatrial. O obxectivo deste convenio é realizar a contratación precomercial de servizos de I+D para a realización dun proxecto integral que abrangue toda a xestión da información derivada da investigación clínica e impulse a súa conectividade coa actividade asistencial do sistema sanitario galego.

 

Sinalar que a contratación pública de innovación é un modelo no que Galicia conta cunha ampla experiencia e recoñecemento, como queda reflectido no recente I Premio Europeo nesta materia outorgado ao Sergas polo Consello Europeo de Innovación.

 

O equipo de traballo xa constituído por membros do CDTI, da Consellería de Sanidade, do Sergas, e da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), continúa a traballar nos pregos de licitación, para que a súa convocatoria teña lugar no primeiro semestre deste ano.

 

Mellora da calidade de vida da cidadanía

A Consellería de Sanidade remarca que a investigación biomédica e en ciencias da saúde é un dos piares do Sistema Nacional de Saúde, como elemento clave para mellorar a calidade e a expectativa de vida da cidadanía. A situación da pandemia derivada da covid puxo de manifesto, a nivel global, a importancia da investigación e o seu achegamento á sociedade. Ademais, a investigación no eido da sanidade tamén funciona como motor económico, xa que é xeradora de emprego e de novos avances científicos e tecnolóxicos que permiten o crecemento e desenvolvemento industrial do territorio.

 

A busca de solucións innovadoras e integrais para mellorar a xestión da investigación e a súa interconexión coa actividade asistencial é unha necesidade pública detectada polo sistema sanitario galego. A disposición da comunidade autónoma galega para a súa resolución xa quedara plasmada na modificación da Lei 8/2008, de 10 de xullo, de Saúde de Galicia, engadindo unha disposición adicional única na que se recolle a posta en marcha dun Sistema integrado de información da investigación clínica do Sistema Público de Saúde de Galicia.

Imaxes relacionadas