O director do Instituto de Estudos do Territorio visitou esta mañá unha parroquia de Oroso na que se emprazan algúns dos inmobles sobre os que se vai actuar

A Xunta subliña a aposta polo ‘fermosismo’ dos veciños de Oroso, o segundo municipio con máis axudas a particulares para corrixir impactos paisaxísticos

Enrique de Salvador explica que o Goberno galego xa resolveu e notificou a metade das 600 subvencións outorgadas ao abeiro da convocatoria deste ano

Avanza que en breve se fará unha ampliación do crédito dispoñible para poder chegar ao maior número posible das 2.000 solicitudes de axudas recibidas

Oroso (A Coruña), 8 de xuño de 2022 A Xunta de Galicia subliñou hoxe a aposta decidida polo fermosismo da veciñanza de Oroso, tal e como reflicten as 13 axudas concedidas este ano por un importe de máis de 35.000 euros neste municipio para acometer actuacións que repercutan de forma positiva na imaxe exterior de inmobles particulares. Este balance provisional, de feito, convérteo no segundo municipio galego onde se concederon máis subvencións deste tipo ao abeiro da convocatoria de 2022.

 

Así o destacou esta mañá o director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, quen visitou o lugar da Estación de Oroso para coñecer sobre o terreo unha das zonas do municipio onde se localizan algunhas das propiedades sobre as que se vai actuar grazas a estas axudas.

 

Neste sentido, De Salvador lembrou que a Xunta, a través do IET, decidiu impulsar o ano pasado esta nova liña de incentivos dirixida a particulares para animalos a reducir o impacto paisaxístico que causa o exterior de determinados edificios sobre a contorna. O importe máximo das axudas, indicou, é de 3.000 euros por solicitante e ben, sen que a contía poida superar o 70% do custo da actuación subvencionable.

 

Este ano e en vista do éxito da primeira convocatoria —que se saldou con 445 subvencións outorgadas e esgotou o crédito dispoñible, de 1,2 millóns de euros—, a Xunta decidiu publicar unha nova orde de axudas destinada a apoiar aos galegos na execución de actuacións de corrección de impactos paisaxísticos sobre inmobles da súa propiedade, cunha dotación neste caso de 1,6 millóns de euros.

 

Ao respecto, Enrique de Salvador explicou que o Goberno galego xa resolveu e notificou a metade das 600 subvencións outorgadas este ano e que supoñen un 35% máis que as concedidas en 2021. Ademais, nos vindeiros días prevese resolver o resto de expedientes.

 

En todo caso, tal e como avanzou o director do IET, en breve farase unha ampliación do crédito dispoñible co obxectivo de atender o maior número posible das 2.000 solicitudes de axudas recibidas por parte de particulares.

 

Serán, en concreto, 1,2 millóns de euros máis de forma que, en total, a Xunta mobilizará este ano 2,8 millóns de euros en subvencións dirixidas a cidadáns particulares para intervir sobre o exterior das súas propiedades con obras de revestimento ou pintado de paramentos cegos de fachadas, renovación do acabado exterior de cubertas, revestimento de muros de cerramento ou recuperación, e restauración e arranxo de muros de pedra tradicionais.

Imaxes relacionadas